Posts Tagged ‘transporte de ría’
O BNG de Moaña oponse ó Anteproxecto do PP para a futura Área Metropolitana
O BNG de Moaña ven de facer unha moción que foi aprobada no pasado pleno do día 28 de Decembro na que se expoñen ós e ás veciños e veciñas de Moaña as causas que fan imposible o apoio do Grupo Municipal do BNG ó anteproxecto de Área Metropolitana que o Partido Popular pretende levar a cabo.
Entre os motivos fundamentais podemos nomear;
1º.- A Xunta de Galicia ven de anunciar a presentación do Anteproxecto de Lei de creación da Área Metropolitana de Vigo que ten por obxecto e natureza a creación da área metropolitana de Vigo e o regulamento da súa organización, competencias e financiamento.
2º.- É o resultado dun proceso no que non houbo concertación nen consenso xa que na elaboración de dito anteproxecto non tiveron unha participación efectiva e real os concellos afectados, limitándose o Goberno galego ao establecemento de contactos mediante persoal técnico, pero sen nengún encontro de traballo no plano político, limitándose a posterior a un convite de alcaldes e alcaldesas e outras personalidades para facer unha presentación mediática e sen convidar ao conxunto das corporacións locais.
3º.- Examinado o contido de dito anteproxecto, desprendese que é unha proposta que non responde ás necesidades de vertebración dun espazo xeográfico funcional de feito en base as seguintes cuestións:
a) Non obedece a unha reforma da estrutura institucional local galega, no camiño da racionalidade e austeridade no gasto público e dirixida a configurar un novo mapa institucional local que adecúe os entes locais á nosa realidade e permita superar a actual delimitación provincial e ás propias Deputacións provinciais.
b) Non é a formulación mais acaída nin desde a perspectiva da súa función política, nin da súa racionalidade e eficacia administrativa, nin tampouco da súa adecuación á realidade territorial na que pretende asentarse.
c) A súa implantación representa unha duplicación do entramado institucional fronte a racionalidade das distintas estructuras da administración existentes.
d) Representa un incremento na carga impositiva á cidadanía que reside no ámbeto xeográfico que abarca.
e) Non define o necesario traspaso á Área das funcións e atribucións que ten a Deputación provincial.
f) Non contempla a necesaria autonomía financeira medianta as achegas económicas precisas por parte da administración autonómica nen da Deputación provincial.
g) Non define dun xeito claro e conciso as competencias que pode desenvolver supeditándoas a un proceso de desenvolvemento futuro.
Por todo isto, o que o BNG solicita é:
1) Impulsar a reforma da lexislación básica en materia de réxime local, de xeito que resida no Parlamento Galego a capacidade plena sobre o deseño institucional e administrativo das entidades locais de Galiza
2) Impulsar a instauración progresiva dun novo esquema institucional local que que supoña unha redución das estruturas burocráticas, que conterá os seguintes fitos:
a. Redución das atribucións e funcións das Deputacións Provinciais, mantendo –entanto non se aborde a necesaria reforma constitucional- exclusivamente as relacionadas coa asistencia a municipios.
b. Traspaso das funcións e servizos das corporacións provinciais á Administración galega e aos concellos.
c. Institucionalización definitiva das comarcas e áreas metropolitanas como entes territoriais supramunicipais asumindo a xestión comarcal das competencias das Deputacións Provinciais.
3) Retomar os traballos desenvoltos ata o de agora para a creación da Área Metropolitana de Vigo mediante a participación de todos os concellos implicados na proposta inicial, e garantindo un proceso de concertación e consenso para acadar a proposta mais acaída para esta área xeográfica.
E isto ¿por que?, pois por custións tan sinxelas como que non resolvería ningunha das eivas que padecemos no noso Concello, podendose dar o paradoxo de que as institucións con competencias actualmente en materias como Transporte, Xestión da Auga, Mantemento de Estradas… poidesen descargar as competencias sobre a Futura Área Metropolitana sen dotala de maior financiación e medios, o cal repercutiría directamente na calidade do servizo e nun aumento da carga impositiva sobre os veciños e veciñas. E en temas tan importantes para Moaña, como pode ser o trasnporte Metropolitano, nin sequera se podería integrar este modelo por seguir en vigor concesións e rutas que declaran as súas cabeceiras fora do ámbito metropolítano.
O BNG quere unha Área Metropolitana útil e eficaz, para o cal é preciso o diálogo e o consenso entre todas as administracións implicadas de igual a igual, e non asoballando e impoñendo do xeito ó que nos ten xa acostumados o Partido Popular.
Podemos falar, pero non tragar calquera cousa que nos queiran impoñer cun claro afan electoralista. Somos responsables do presente, pero tamén do noso futuro, e dende logo, pediránse responsabilidades no caso de que este anteproxecto sexa aprobado empregando o «rodillo» do PP.
O Presidente Feijoo NON SE COMPROMETE CO MORRAZO

O BNG defende os intereses dos usuarios de transporte de ría.
O BNG, ven de presentar unha pregunta no parlamento galego, co fin de solucionar a problemática suscitada polos usuarios de transporte de ría. Os nosos parlamentarios fieron constar a queixa reiterada da Federación de Veciños de Moaña A Chamusca , que consideran unha falta de respecto para os usuarios/as manter pechada a estación marítima de Moaña, unha intraestructura en boas condicións, mentres hai usuarios/as que teñen que estar á chuva mentres esperan o barco.
Adxuntamos o documento: pregunta parlamentaria estación marítima moaña.pdf
O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA DE GALIZA QUE CUMPRA CO ACORDADO NO PARLAMENTO E EVITE A DESAPARICIÓN DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS NA RÍA DE VIGO

Os parlamentarios nacionalistas denuncian que no caso de Moaña “séguese recortando o servizo” e critican as últimas declaracións do conselleiro Agustín Hernández
Os deputados nacionalistas lembran que a iniciativa do BNG transccionada no Parlamento de Galiza cos outros grupos instaba á Xunta a que antes do 3 de decembro de 2009 realizase as modificacións legais necesarias para evitar a “desaparición, redución de frecuencias, ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan”.
A realidade é que o servizo segue reducíndose
Sen embargo, os parlamentarios do BNG denuncian que “no caso de Moaña segue suprimido o servizo de transporte marítmo as fins de semana e os festivos; os barcos saen cada hora os días laborábeis, xa non cada media hora, e a empresa navieira mantén a ameaza de supresión total do transporte unha vez rematada a campaña de verán”.
Declaracións do conselleiro Agustín HernándezNeste sentido, denuncian que “a incertidume social vai en aumento co paso do tempo e non existen, ou non se coñecen, indicios que permitan albiscar unha saída positiva ao actual estado de cousas”.
A este respeito, os deputados do BNG consideran “máis grave aínda que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmase que `non se pode subvencionar o billete -a través do correspondente convenio- se non se incrementa o número de usuarios”.
A estas declaracións os parlamentares nacionalistas sublíñanselle ao conselleiro que “por moito que non entre nos parámetros do PP a aposta por una modelo de transporte público, intermodal e colectivo, como é o de ría, é deber da Xunta acometer o mandato do Parlamento do pasado 17 de xuño, no sentido de acometer todas as accións necesarias en defensa da existencia, calidade e futuro do transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras na ría de Vigo”.
Ante esta situación, os deputados do BNG pregúntanlle á Xunta de Galiza polas vías de comunicación que teñen coa Unión Europea para darlle saída legal ao conflito existente e, en concreto, polas modificacións lexislativas que porán en marcha á luz do novo Regulamento comunitario a fin de restablecer a declaración do transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo como servizo público de titularidade da Xunta.
Por último, demándanlle á Xunta que confirme se as moficacións legais entrarán en vigor antes do 3 de decembro e que concrete as medidas que vai poñer en marcha para evitar a desaparición, redución de frecuencias ou degradación das condicións de transporte que se viñan prestando.
PROPOSICIÓN NON DE LEI DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO SOBRE O TRANSPORTE MARÍTIMO.

- Bieito Lobeira e Uxío Piñeiro na presentación da proposición non de lei de transporte marítimo
O grupo parlamentar do bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa dos seus deputados Bieito Lobeira Domínguez e Henrrique Viéitez Alonso e da súa deputada Mª do Carme Adán Villamarín, ao abeiro do regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei en Comisión, relativa á adopción de medidas para o restablecemento da declaración de servizo público da titularidade da Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na Ría de Vigo.
O transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/ Vigo- Moaña e Cangas-Vigo / Vigo-Cangas) víñase regulando a través da Lei 4/1998, do 9 de Abril, de declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, até que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 9 de Marzo do 2006, non recorríbel, declarou a súa incompatibilidade co Regulamento (CEE) nº 3577/92 do Consello, de 7 de Decembro de 1992, ou noutras palabras, co que a Unión Europea ven denominando o principio de “libre competencia”.
O impacto desta decisión comunitaria foi moi importante, e prexudicial do punto de vista político, económico e social. Político, porque se entremetía claramente, e evadía, as competencias exclusivas de Galiza neste ámbito téndose que elaborar unha nova norma (Lei 2/2008 o 6 de Maio) para se adaptar ao mandato da UE. Económico, porque impuña un modelo neoliberal, lonxe das necesidades sociais e fundamento no beneficio económico empresarial nun contexto de “libre competición”, primando o capital por enriba dos intereses populares. E social, o máis grave, en canto ás consecuencias prácticas, porque degradou o servizo (en frecuencias, especialmente grave no caso de Moaña) e ameazaba o seu futuro garantíndose unicamente as viaxes ás Illas Cíes con finalidade evidentemente turística.
Neste contexto preocupante, a Comisión Europea ven agora a lle confirmar ao Goberno de Galiza, logo da correspondente consulta de Dirección Xeral de Transportes, que o novo Regulamento (CE) 1370/2007, abre a posibilidade de que o transporte marítimo entre O Morrazo e Vigo sexa considerado servizo público.
Isto significa que a partires do próximo 3 de Decembro deste mesmo ano, no que estará en vigor o novo Regulamento (artigo 12), a Xunta de Galiza poderá establecer un servizo de transporte público marítimo entre Cangas /Moaña e Vigo, a diferenza do que impuxo no seu día a devandita sentenza da Unión Europea. Cumpre pois, con carácter de urxencia, impulsar en Galiza o procedemento administrativo orientado a este obxectivo.
Non se pode esquecer que a realidade socioeconómica da Comarca do Morrazo fai que un número moi importante de persoas teñan que se desprazar a Vigo por motivos de traballo, estudo, acceso a servizos sanitarios, administrativos, actividades culturais ou de lecer, etc., polo que o transporte marítimo ten un carácter absolutamente estratéxico dentro do fluxo de mobilidade de comarca.
Alén desta necesidade obxectiva, o novo Regulamento UE dispón dunha serie de condicións que se adaptan perfectamente á realidade do transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo.
Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) a presentar a seguinte Proposición non de lei:
O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a:
- Por en marcha e axilizar o procedemento administrativo que permita restablecer a declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/Vigo-Moaña e Cangas-Vigo/Vigo-Cangas) para a súa entrada en vigor inmediatamente despois do 3 de decembro de 2009, coincidindo co Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello.
- Elaborar con este motivo un novo Proxecto de Lei para a súa tramitación parlamentar.
- Definir un modelo público e /ou consorciado para a empresa que desenvolva a prestación do servizo de transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo.
- Adoptar, con carácter urxente, medidas conveniadas coa empresa que na actualidade presta este servizo que eviten a desaparición, redución de frecuencias , ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan.
