Posts Tagged ‘ensino’

A GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO NO ENSINO OBRIGATORIO

Concentración pola gratuidade dos libros de textoO BNG de Moaña considera inaceptábel a supresión da gratuidade universal dos libros de texto que se tiña implantado polo goberno anterior e que se viña aplicando con resultados positivos en todo o tramo do ensino obrigatorio.

O goberno do PP ven de botar por terra o sistema de préstamo  establecido até agora e lexisla un novo sistema de axudas en función da renda familiar que so establece a gratuidade para un 25 % das familias con fillos en idade de escolaridade obrigatoria.

A nova medida comezará nos dous próximos cursos para 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial. No curso 2011-12 sumaranse 1º e 3º da ESO, para pasar a cubrir todos os niveis a partir do curso 2012-13. Polo tanto o programa actual de gratuidade irá desaparecendo paulatinamente durante a implantación do novo sistema.

Sorprende que o PP trate de xustificar a medida atacando o sistema anterior por “ser excesivamente caro” cando non ten ningún escrúpulo á hora de subvencionar con cartos públicos a centros educativos de ideoloxía relixiosa ultraortodoxa que segrega ao alumnado en función do seu sexo.

É esta unha medida moi regresiva que ataca directamente ao carácter público e gratuíto do ensino. Para o BNG o ensino, entendido como servizo público, debe manter a cobertura universal da gratuidade dos libros de texto en todos os niveis de ensino obrigatorio.

É inadmisíbel que o sr. Conselleiro de educación queira xustificar a medida aludindo á situación de crise actual, xa que a mesma situación require de maior apoio económico ás familias, todo o contrario do que a medida supón.

Ante isto cabe preguntarse: Que será o próximo? Teremos que acudir ao SERGAS e en función da renda teremos que pagar as gasas, o antiséptico e o esparadrapo?

Para o BNG de Moaña a medida denunciada inclúese nos recortes educativos e sociais que o goberno do Sr. Feijoo está a aplicar nestes primeiros meses, eliminando todos os avances que se tiñan conseguido até o momento actual.