Posts Tagged ‘BNG’

Cea presentación da candidatura do BNG para as eleccións municipais

O BNG de Moaña vai celebrar, o sábado 2 de abril, unha cea de presentación da súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 2011.

A cea terá lugar no Pavillón de Reibón as 21:30 horas e nela falarán o Portavoz Nacional  do BNG Guillerme Váquez e o Alcalde de Moaña e candidato do BNG Xosé Manuel Millán.

O menú consta de entremeses, Rodaballo Rias Baixas, Escalopes de tenreira con salsa de setas e pataca asada, Postre, Albariño, Rioxa e Ribeira Sacra, Café e chupito.

O prezo por persoa será de 20€. Para as nenas e os nenos menores de 12 anos o prezo será de 10€.

Os amigos e amigas do BNG que queiran participar poden facer a súa reserva de mesa nos teléfonos: 609.746.544 – 687.870.864 – 647.541.825 e, dende o día 28 de marzo, de 19:00 horas a 20:30 horas no 986.31.08.22.

Esperamos veros a todos e a todas.

O BNG consegue forzar a Deputación para que remita o convenio de urbanización da estrada de Berducedo.

No pasado pleno da Deputación de Pontevedra, o deputado provincial do BNG, Daniel Rodas, volveu a insistir a través dunha moción , na necesidade de que  o señor Louzán remitise o antes posible o convenio para que dunha vez se reflectise por escrito colaboración que o  Concello de Moaña lle ofrece na urbanización da estrada a Berducedo.

Por fin, despois de moito tempo de desplantes e votacións do PP negativamente, ante a reiteración e a presión do BNG sobre este asunto, conseguiuse dar un pequeno paso mais, e que o PP votase favorablemente a esta moción. Agora queda agardar a ver canto tempo van dilatar a redación dese convenio, e o que mais importa ós veciños e veciñas de Moaña, canto tempo tardarán en elaborar o proxecto e comezar as obras.

O BNG seguirá a  reclamar as melloras na seguridade vial daquelas estradas competencia exclusiva da Deputación de Pontevedra ata que se fagan realidade «as palabras» do señor Louzán, non escatimaremos esforzos ainda que teñamos que levar mil mocións mais.

O BNG de Moaña oponse ó Anteproxecto do PP para a futura Área Metropolitana

O BNG de Moaña ven de  facer unha moción que foi aprobada no pasado pleno do día 28 de Decembro  na que se expoñen ós e ás veciños e veciñas de Moaña as causas que fan imposible o apoio do Grupo Municipal  do BNG ó anteproxecto de Área Metropolitana que o Partido Popular pretende levar a cabo.
Entre os motivos fundamentais podemos nomear;
1º.-  A Xunta de Galicia ven de anunciar a presentación do Anteproxecto de Lei de creación da Área Metropolitana de Vigo que ten  por obxecto e natureza a creación da área metropolitana de Vigo e o regulamento da súa organización, competencias e financiamento.

2º.- É o resultado dun proceso no que non houbo concertación nen consenso xa que na elaboración de dito anteproxecto non tiveron unha participación efectiva e real os concellos afectados, limitándose o Goberno galego ao establecemento de contactos mediante persoal técnico, pero sen nengún encontro de traballo no plano político, limitándose a posterior a un convite de alcaldes e alcaldesas e outras personalidades para facer unha presentación mediática e sen convidar ao conxunto das corporacións locais.

3º.- Examinado o contido de dito anteproxecto, desprendese que é unha proposta que non responde ás necesidades de vertebración dun espazo xeográfico funcional de feito en base as seguintes cuestións:
a)    Non obedece a unha reforma da estrutura institucional local galega, no camiño da racionalidade e austeridade no gasto público e dirixida a configurar un novo mapa institucional local que adecúe os entes locais á nosa realidade e permita superar a actual delimitación provincial e ás propias Deputacións provinciais.
b)    Non é a formulación mais acaída nin desde a perspectiva da súa función política, nin da súa racionalidade e eficacia administrativa, nin tampouco da súa adecuación á realidade territorial na que pretende asentarse.
c)    A súa implantación representa unha duplicación do entramado institucional fronte a racionalidade das distintas estructuras da administración existentes.
d)    Representa un incremento na carga impositiva á cidadanía que reside no ámbeto xeográfico que abarca.
e)    Non define o necesario traspaso á Área das funcións e atribucións que ten a Deputación provincial.
f)    Non contempla a necesaria autonomía financeira medianta as achegas económicas precisas por parte da administración autonómica nen da Deputación provincial.
g)    Non define dun xeito claro e conciso as competencias que pode desenvolver supeditándoas a un proceso de desenvolvemento futuro.

Por todo isto, o que o BNG solicita é:
1)    Impulsar a reforma da lexislación básica en materia de réxime local, de xeito que resida no Parlamento Galego a capacidade plena sobre o deseño institucional e administrativo das entidades locais de Galiza

2)    Impulsar a instauración progresiva dun novo esquema institucional local que que supoña unha redución das estruturas burocráticas, que conterá os seguintes fitos:
a.    Redución das atribucións e funcións das Deputacións Provinciais, mantendo –entanto non se aborde a necesaria reforma constitucional- exclusivamente as relacionadas coa asistencia a municipios.
b.    Traspaso das funcións e servizos das corporacións provinciais á Administración galega e aos concellos.
c.    Institucionalización definitiva das comarcas e áreas metropolitanas como entes territoriais supramunicipais asumindo a xestión comarcal das competencias das Deputacións Provinciais.
3)    Retomar os traballos desenvoltos ata o de agora para a creación da Área Metropolitana de Vigo mediante a participación de todos os concellos implicados na proposta inicial, e garantindo un proceso de concertación e consenso para acadar a proposta mais acaída para esta área xeográfica.

E isto ¿por que?, pois por custións tan sinxelas como que non resolvería ningunha das eivas que padecemos no noso Concello, podendose dar o paradoxo de que as institucións con competencias actualmente en materias como  Transporte, Xestión da Auga, Mantemento de Estradas… poidesen descargar as competencias sobre a Futura Área Metropolitana sen dotala de maior financiación e medios, o cal repercutiría directamente na calidade do servizo e nun aumento da carga impositiva sobre os veciños e veciñas. E en temas tan importantes para Moaña, como pode ser o trasnporte Metropolitano, nin sequera se podería integrar este modelo por seguir en vigor concesións e rutas que declaran as súas cabeceiras fora do ámbito metropolítano.
O BNG quere unha Área Metropolitana útil e eficaz, para o cal é preciso o diálogo e o consenso entre todas as administracións implicadas de igual a igual, e non asoballando e impoñendo do xeito ó que nos ten xa acostumados o Partido Popular.
Podemos falar, pero non tragar calquera cousa que nos queiran impoñer cun claro afan electoralista. Somos responsables do presente, pero tamén do noso futuro, e dende logo, pediránse responsabilidades no caso de que este anteproxecto sexa aprobado  empregando o «rodillo» do PP.

Presentouse a lista cos dez primeiros candidatos do BNG as eleccións de 2011.

O BNG de Moaña ven de presentar o pasado venres 17 de decembro na Asamblea Local ós/ás candidatos/as do primeiro tramo da lista que concorrerá as eleccións Municipais que se celebrarán o vindeiro 22 de maio.

A lista será liderada por Xosé Manuel Millán, que seguirá estando acompañado dos demais compañeiros/as do BNG membros da actual equipa de Goberno Municipal, dando así continuidade a importantísima labor tranformadora que o BNG está a levar no noso Concello dende hai 8 anos.

Ademais desta continuidade, súmanse o proxecto do BNG caras novas que aportarán novos pulos e xuventude, así, varían os postos con respecto ás últimas eleccións, incorporando no segundo posto da candidatura a María Martínez Nogueira, unha moza veciña de Meira, Licenciada en Bioloxía e Mestra de Secundaria. No nº 3 segue Diego M. Riobó Martínez Licenciado en Psicopedagoxía e actual Concelleiro de Cultura e Ensino.A continuación no nº4 Beatriz Riobó Rouco, Administrativa e actual Concelleira de Deportes e Mocidade. No nº 5 Valentín Piñeiro González Traballador Municipal e actual concelleiro de Urbanismo. Séguelle no nº 6 Libertad Cruz Couso, Auxiliar de Clínica e actual Concelleira de Igualdade e Servizos Sociais. No nº7 Daniel Rodas Chapela, Funcionario e actual Concelleiro de Medio Ambiente e Mar. Outra das novas incorporacións ós primeiros postos atopámola no nº8 Coral Ríos Santomé, empresaria. Repite nas listas da candidatura, nesta ocasión no posto nº 9 Odilo Barreiro Martínez, mestre no colexio de Abelendo, e no nº 10 outra cara nova, Araceli Gestido Rodríguez, da Ameixoada, licenciada en Ciencias Políticas.

Esta é unha candidatura formada por xente activa e participativa, unha combinación de experiencia e caras novas que aseguren a continuidade do traballo que se ven facendo, e que ten unha boa aceptación entre a veciñanza moañesa. Unha candidatura que representa ós e ás moañeses/as de a pe, sen mais aspiracións que poñer o seu traballo ó servizo dos veciños/as.

 

10primeiros2

Odilo Barreiro, Coral Ríos, Valentín Piñeiro, María Martínez,X.M. Millán, Beatriz Riobó, Diego Riobó, Libertad Cruz, Daniel Rodas e Araceli Gestido.

 

O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA DE GALIZA QUE CUMPRA CO ACORDADO NO PARLAMENTO E EVITE A DESAPARICIÓN DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS NA RÍA DE VIGO

bieitobandeira

Os parlamentarios nacionalistas denuncian que no caso de Moaña “séguese recortando o servizo” e critican as últimas declaracións do conselleiro Agustín Hernández

Os deputados nacionalistas lembran que a iniciativa do BNG transccionada no Parlamento de Galiza cos outros grupos instaba á Xunta a que antes do 3 de decembro de 2009 realizase as modificacións legais necesarias para evitar a “desaparición, redución de frecuencias, ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan”.

A realidade é que o servizo segue reducíndose

Sen embargo, os parlamentarios do BNG denuncian que “no caso de Moaña segue suprimido o servizo de transporte marítmo as fins de semana e os festivos; os barcos saen cada hora os días laborábeis, xa non cada media hora, e a empresa navieira mantén a ameaza de supresión total do transporte unha vez rematada a campaña de verán”.

Declaracións do conselleiro Agustín HernándezNeste sentido, denuncian que “a incertidume social vai en aumento co paso do tempo e non existen, ou non se coñecen, indicios que permitan albiscar unha saída positiva ao actual estado de cousas”.

A este respeito, os deputados do BNG consideran “máis grave aínda que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmase que `non se pode subvencionar o billete -a través do correspondente convenio- se non se incrementa o número de usuarios”.

A estas declaracións os parlamentares nacionalistas sublíñanselle ao conselleiro que “por moito que non entre nos parámetros do PP a aposta por una modelo de transporte público, intermodal e colectivo, como é o de ría, é deber da Xunta acometer o mandato do Parlamento do pasado 17 de xuño, no sentido de acometer todas as accións necesarias en defensa da existencia, calidade e futuro do transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras na ría de Vigo”.

Ante esta situación, os deputados do BNG pregúntanlle á Xunta de Galiza polas vías de comunicación que teñen coa Unión Europea para darlle saída legal ao conflito existente e, en concreto, polas modificacións lexislativas que porán en marcha á luz do novo Regulamento comunitario a fin de restablecer a declaración do transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo como servizo público de titularidade da Xunta.

Por último, demándanlle á Xunta que confirme se as moficacións legais entrarán en vigor antes do 3 de decembro e que concrete as medidas que vai poñer en marcha para evitar a desaparición, redución de frecuencias ou degradación das condicións de transporte que se viñan prestando.