AS BOLAS DO SEÑOR ALCALDE

Lendo a prensa da última semana de febreiro do 2012 dan ganas de facer santo a Fervenza. É un superheróe; é o noso ídolo: o mesmo vale para negociar coa banca como para ter liña directa co presidente da xunta na intimidade.

Entón é cando xurden as dúbidas. Será certo todo o que conta certa prensa? Porque se les outra, as cousas xa non se contan igual. Refírome, por suposto, á primeira cuestión: a dación en pago pola que “supostamente” mediou o sr. Fervenza, alcaldaso de Moaña. Unha vez extendida a rede de investigación do BNG, recollidas e filtradas varias conversas de móbil e despois de confirmalo con fontes solventes no ladaveiro da Martinga e con tres que collían auga en Fontecán, RESULTA QUE PUIDEMOS CONFIRMAR sen que haxa lugar a dúbidas, que A DACIÓN EN PAGO XA ESTABA CONCEDIDA POLO BBVA DESDE HAI UN MES E O CLIENTE FORA AVISADO DESDE OS SERVIZOS CENTRAIS DO BANCO.

E agora facémonos a seguinte pregunta: que foi a nejosiar Fervenza? Sería só para facerse unha foto, cando sabía de antemán que non tiña nada que arriscar porque a cousa xa estaba amañada?

É triste a demagoxia, sobre todo se alguén se aproveita para facerse publicidade coa desgraza allea e con temas que están tan candentes nos medios de comunicación. E tamén é triste comprobar como hai medios que lle colleron gusto a repartir as bolas que Fervenza vai deitando, despois de comprobar unha vez e outra que sempre os deixa en bolas.

E sobre o “contubernio da Orensana”, por moito que largara o domingo que el e o da jasiosa estiveron preocupándose toda a tarde pola saúde dos moañeses, dinos unha javiota con plumas de pejo que ná de ná… Nin saúde, nin autovía, nin circunvalacións. Estiveron falando do que hai que falar, de lo nuestro –cada un do seu, está claro: Frijolito da salú que vai ter o PP no Morrazo cando chegue outubro, e Fervenza de algo que se non se amaña vanlle cortar a cabeza. (Isto último non o dicimos nós nin o dixo a javiota peja: díxoo o noso alcaldaso no último pleno e quedou tan ancho).

Pois nada, alcaldaso, ti a facerte fotos que son gratis. E o BNG a destaparche os teus embolados.


AS XESTIÓNS DE JOSÉ FERVENZA NO MONTE DO RAMIL

O pasado verán os veciños e veciñas de Tirán asistían estupefactos á tala indiscriminada e salvaxe do monte do Ramil. O anterior goberno municipal levaba anos impedíndolle á inmobiliaria Dismareate, s.l. a tala da totalidade da superficie e obrigándoa,  para poder talar, a presentar un plan que ordenase ese espazo forestal de acordo aos criterios das anteriores normas subsidiarias , que protexían a costa de Tirán cun Plan Especial, cuxa finalidade era a preservación das masas forestais existentes.

A tala indiscriminada levouse a cabo grazas á autorización irregular do actual goberno municipal, que non aplicou os criterios das N.N.S.S. en vigor. Conseguindo así a empresa o seu propósito ao realizar unha actuación moi rendible: talar, cobrar os cartos da madeira, deixar todo tirado e esperar outros dez/vinte anos a que a praga do eucalipto e mimosas repoboe libremente o monte do Ramil.

Casualidades da vida, a anterior tala producírase xustamente cando era alcalde Javier Barreiro e concelleiro de urbanismo Javier Abal.

Ante a falta de respecto aos veciños e veciñas de Tirán que levan anos pelexando por preservar o seu litoral, saían a palestra os ex-presidentes da Asociación de Veciños para denunciar que de novo se realizaba una tala indiscriminada e lamentaban a xustificación deste atentando ecolóxico que deixaba un espazo singular como é o monte do Ramil a criterios unicamente de rendibilidade forestal ou urbanística, sen ter en conta o espazo medioambiental onde está ubicado. Pedían a paralización destes traballos e un proxecto de reforestación para que dunha vez por todas se ordenase este espazo costeiro para que deixase de ser unha ameaza urbanística e se convertera nun ben medioambiental colectivo.

En contestación, o Sr. Fervenza aseguraba o seu compromiso para xestionar coa promotora para que procedera a realizar unha reforestación do monte do Ramil con especies autóctonas, “porque no queremos plantar hormigón” e volveu recordar o seu compromiso co espazo forestal do Ramil en sesión plenaria.

Estamos en marzo,  a primavera chega e  non se levou a cabo ningún traballo de limpeza de maleza, triturado de ramada, destoconado… que son traballos previos para poder plantar.  A día de hoxe, o monte do Ramil segue como quedou no verán: arrasado a matarrasa e nin sequera se procedeu a limpeza da ramada. Comprobamos como dos tocóns volven brotar incontroladamente novos gomos… brotes verdes de eucaliptos e mimosa ao seu libre albedrío, que logo se converterán en praga.

Nada hai das xestións comprometidas polo Sr Alcalde. Non hai proxecto de reforestación, nin se vai ordenar, nin limpar, nin plantar. O Sr Fervenza volve a non facer o que prometeu aos veciños e veciñas de Tirán e á Corporación Municipal, o Sr. Fervenza, volve mentirnos.


O CAMIÑO DA MASANDÍA

Van pasando os meses polo camiño da Masandía e o único que temos son novas fotos e máis fotos e vellas escusas e máis escusas, pero da execución das obras, nada de nada.  Iso que a obra foi adxudicada pola Deputación Provincial, non polo Concello, á empresa Sercoysa por 209.802,45 € o dia 28 de febreiro de 2011, xa hai un ano!

Agora aparece a gran noticia “Susana Varela señala que Sercoysa intentó con tres empresas meter máquinas de pilotaje para acometer la obra, pero la estrechez del vial lo impide”.

Non sabemos se rirnos ou botarnos a chorar. Debemos recordar, unha vez máis que o proxecto está avalado por un estudio xeotécnico, que se realizou cunha “máquina de pilotaje”, que realiza unha análise e describe a solución técnica proposta para salvar os impedimentos de Costas do Estado, o impacto medioambiental e o derrubamento do talude cunha proposta medioambientalmente pouco impactante.

Con este estudo previo do terreo contratouse a unha empresa especializada en enxeñería civil, deseñadora de estruturas, que ten como un dos seus obxectivos fundamentais a aplicación da enxeñería civil para a solución de problemas relacionados coas infraestruturas. Unha empresa que deseña pontes e estradas. Dito proxecto ven asinado por un enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, que por certo é o actual director da obra, nomeado pola Deputación Provincial.

Temos que dicir que xa está ben! Se a empresa non ten capacidade técnica para executar, a Deputación debe esixirlle que renuncie a ela. Por non falar de que xa expirou o prazo de execución da mesma e que a estas alturas o organismo provincial debería ter tramitada a resolución do contrato.

Os meses van pasando e xa todos os veciños e veciñas se van decatando de que é fume para tapar as miserias da xestión de José Fervenza e non se dá avanzado nada. Enredou aos moañeses e moañesas con propostas fantásticas e comprometeu á xente para opinar e buscar mellores solucións. Pero a realidade é que non se conseguiron as cesións prometidas, nin melloras de carril bici, nin senda peonil, nin nada de nada. Minte e engana sistematicamente, e non é capaz de aportar novas solucións nin executar o adxudicado.

Por outra banda a Deputación déixase  marear e noi  fai nada. Estamos tremendo pensando que o tempo pasa inexorablemente e que o goberno do PP pode chegar a obviar o proxecto e amañar o camino a súa maneira, como veñen facendo noutros camiños do concello. “Ti vai fasendo”, esquecéndose doutras melloras do proxecto como o empedrado da baixada á igrexa de Tirán, ou o ensanche no frente do parque infantíl.

Ante isto, o BNG sempre foi claro: o proxecto redactado no camiño da Masandía é un proxecto baseado no rigor, na competencia técnica e asinado por técnicos que de ser o caso teñen que asumir a súa responsabilidade. Un  proxecto adxudicado, razonable, tecnicamente correcto e facilmente executable.


SANCIÓN IMPOSTA AO ALCALDE DE MOAÑA POR DEIXAMENTO DE FUNCIÓNS E OBSTACULIZACIÓN Á XUSTIZA

Ao BNG non lle sorprende a sanción imposta por  mandato xudicial ao alcalde de Moaña, José Fervenza Costas, de 600 euros, por  non facer efectiva a demolición dunha obra ilegal. Advertimos ao Alcalde,  hai xa tres meses, de que non cabía recurso, nin outro tipo de solucións. Xa foran esgotadas tódalas vías, e tódolos trámites estaban rematados. A sentenza era firme dende o 2008, e xa lle recomendamos que se deixase de historias, de enredos e favoritismos, e que buscase a forma menos traumática de cumprir co que lle esixía o xuíz.

Recordemos que as vivendas foron construídas no ano 1975, pero nunca se remataron totalmente as obras. No ano 1998, despois de reiniciar as obras para engadirlle unha planta máis o concello abriulle expediente de infracción. Cinco anos despois, o entón  alcalde, Javier Barreiro, ditou orde de demolición por non axustarse ao proxecto, por reiniciar as obras con licenza caducada e por non gardar os retranqueos a lindantes e á  vía pública.

O goberno anterior xa lle remitira aos propietarios unha resolución da alcaldía  conforme o pasado 14 de abril, os técnicos municipais personáronse no inmoble para redactar o proxecto de demolición. En xuño cambio o goberno e o proxecto de demolición foi arquivado e hoxe podemos comprobar que as xestións realizadas polo actual alcalde foron: ignorar os requirimentos, venderlle promesas aos propietarios con falsas esperanzas e non contestar ao que lle reclamaban dende o xulgado. Pero o Sr. Xuíz de demagoxia non entende e acaba de sancionalo por:

  • Deixamento de funcións
  • Obstaculización á xustiza

Hoxe asistimos ao primeiro capitulo de como José Fervenza, entende o urbanismo en Moaña. Cimentou a súa oposición nunha campaña de desprestixio contra o BNG, que traballaba para que o urbanismo en Moaña, fose exemplo de sentido común e cumprimento das normas.

A conta do urbanismo, fixo unha chea de amigos, e non tivo escrúpulos en protexer, asesorar e defender aos infractores. Lembremos aquel titular que tanta tinta verteu de: “Dejad que los infractores se acerquen a mí”. Ou aqueles panfletos ciscados polas rúas instando aos infractores a que se acercasen á sede do partido popular. Promovendo un novo modelo de urbanismo para Moaña, baixo o lema, “Ti vai fasendo”.

Tampouco tivo reparo en promover unha campaña de satanización contra o BNG por intentar levar con rigor e transparencia a disciplina urbanística nun contexto onde todos sabemos as grandes carencias que tivo este concello nos últimos anos e os problemas que isto ocasiona no posterior desenvolvemento urbanístico.

Este é o resultado da utilización sistemática dos veciños, de aproveitar a problemática social, o problema persoal como un instrumento político para favorecer o seu propio interese. Reflicte a falta de escrúpulos, a  manipulación, a utilización de todo para beneficio propio e favor aos achegado. Un continuo ninguneo das normas, falta de respecto ao ben común, a igualdade entre veciños, a ignorar a xustiza…, salvo cando lle interesa a el mesmo. Todo é utilizable, manipulable ata que chega a crúa realidade: “sentenza”

Pero, ollo! este é o primeiro capítulo. Volverá a repetirse noutros expedientes que están pendentes de resolución xudicial e nos que vai seguir mantendo a mesma actitude clara de favoritismo partidario. Facendo abandono de funcións e obstrución a xustiza. Tempo ao tempo!


Acto aberto do BNG sobre as «Participacións Preferentes»

Ante os problemas que están a ocasionar, a non poucos veciños e veciñas da nosa comarca, as participación preferentes emitidas polas caixas e bancos, este mércores, día 22, o BNG vai celebrar un acto aberto a militantes, simpatizantes e toda a cidadanía para falar sobre estas «Participación Preferentes».

No acto estarán presentes o deputado nacional do BNG Henrique Vieitez e o Secretario Nacional da CIG-Banca Clodomiro Montero.

Será ás 20:00 horas no Local Comarcal do BNG situado na Urbanización do Rosal, en Moaña.