Actualidade do BNG de Moaña Neste espazo poderás seguir as novidades, calendario de actividades e actualidade en xeral que se produzan no entorno do BNG de Moaña

Persoeiros do Grupo Municipal do PP quítanse a careta no último Pleno.

19 de Agosto de 2009

foto recollida da edición do faro de vigo no morrazo. aparecen os tres concelleiros nunha reunión da comisión de urbanismo no concello de Moaña.

No último Pleno da Corporación Municipal celebrado o 14 de agosto, donde quedou aprobado inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal, por unanimidade dos grupos,  algúns persoeiros do Grupo Municipal do Partido Popular desenmascaránronse e deixaron ao descuberto os verdadeiros motivos do seu “amor e entrega á política”.

Os concelleiros, Nahur Currás, Angel Gonzalez e José Fervenza, levantáronse dos seus escanos, según eles “por hixiene democrática” e manifestaron que non participarían na votación pois tiñan intereses urbanísticos.

Falso discurso, pois si ben a Lei de Procedemento Administrativo no seu artigo 28 fala da obrigación das autoridades e do persoal da Administración de absterse nos asuntos donde teñan intereses directos, non é só no momento da toma de decisión e polo tanto no momento de votar, a Lei dí que deben asbterse no PROCEDEMENTO e polo tanto, si tanto lle preocupaba a ”hixiene democrática” estes tres persoeiros deberon de absterse de participar no debate do Plan Xeral, pero Fervenza, lonxe de preocuparlle a “hixiene democrática”, participou e mesmo reivindicaba na prensa a convocatoria da comisión de seguimento do PXOM.  Unha mostra máis do cinísmo e da falsa moral da dereita cavernícola.

En definitiva, os moañeses e moañesas non sabemos o que pensa o Partido Popular do Plan Xeral ou si hai tres Partidos Populares opinando:

Un, o dos tres que votaron a favor; dous os que teñen intereses urbanísiticos privados e tres; a concelleira que non asistíu e que non se sabe si non puido ou non lle interesaba o asunto.


Estrada Moaña-Berducedo, o PP na Deputación vota en contra da súa mellora

3 de Agosto de 2009

dsc_2051O pasado día 22 de xullo dábamos conta aquí da moción presentada polo Deputado Provincial Daniel Rodas, que en definitiva propoñía :

1º.- Que se inclúa a cantidade de 2.000.000 euros para completar a urbanización do vial provincial EP-ll O1 da Moca a capela dos Miragres (O Piñeiro), con cargo aos fondos reservados no orzamento da Deputación Provincial para o acondicionamento dos seus viais.

2º.-  Que se remita de forma inmediata unha proposta de convenio ao concello de Moaña que recolla a actuación na totalidade do vial coa súa programación anual de execución.

O Partido Popular e o Sr. Louzan votaron en contra destas propostas, deixando ao descuberto que non teñen pensado para nada mellorar os  viais da súa competencia en Moaña, deixando en evidencia ao Sr. Fervenza e demais persoeiros do PP de Moaña.

Mentras tanto, o Concello de Moaña, xa rematou as obras de ensanche e urbanización no tramo dende As Barxas até a Moca.

¿Para cando teñen pensado seguir o exemplo os Sres.do PP? ¿Que excusas poñeran agora?


O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA DE GALIZA QUE CUMPRA CO ACORDADO NO PARLAMENTO E EVITE A DESAPARICIÓN DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS NA RÍA DE VIGO

31 de Xullo de 2009

bieitobandeira

Os parlamentarios nacionalistas denuncian que no caso de Moaña “séguese recortando o servizo” e critican as últimas declaracións do conselleiro Agustín Hernández

Os deputados nacionalistas lembran que a iniciativa do BNG transccionada no Parlamento de Galiza cos outros grupos instaba á Xunta a que antes do 3 de decembro de 2009 realizase as modificacións legais necesarias para evitar a “desaparición, redución de frecuencias, ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan”.

A realidade é que o servizo segue reducíndose

Sen embargo, os parlamentarios do BNG denuncian que “no caso de Moaña segue suprimido o servizo de transporte marítmo as fins de semana e os festivos; os barcos saen cada hora os días laborábeis, xa non cada media hora, e a empresa navieira mantén a ameaza de supresión total do transporte unha vez rematada a campaña de verán”.

Declaracións do conselleiro Agustín HernándezNeste sentido, denuncian que “a incertidume social vai en aumento co paso do tempo e non existen, ou non se coñecen, indicios que permitan albiscar unha saída positiva ao actual estado de cousas”.

A este respeito, os deputados do BNG consideran “máis grave aínda que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmase que `non se pode subvencionar o billete -a través do correspondente convenio- se non se incrementa o número de usuarios”.

A estas declaracións os parlamentares nacionalistas sublíñanselle ao conselleiro que “por moito que non entre nos parámetros do PP a aposta por una modelo de transporte público, intermodal e colectivo, como é o de ría, é deber da Xunta acometer o mandato do Parlamento do pasado 17 de xuño, no sentido de acometer todas as accións necesarias en defensa da existencia, calidade e futuro do transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras na ría de Vigo”.

Ante esta situación, os deputados do BNG pregúntanlle á Xunta de Galiza polas vías de comunicación que teñen coa Unión Europea para darlle saída legal ao conflito existente e, en concreto, polas modificacións lexislativas que porán en marcha á luz do novo Regulamento comunitario a fin de restablecer a declaración do transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo como servizo público de titularidade da Xunta.

Por último, demándanlle á Xunta que confirme se as moficacións legais entrarán en vigor antes do 3 de decembro e que concrete as medidas que vai poñer en marcha para evitar a desaparición, redución de frecuencias ou degradación das condicións de transporte que se viñan prestando.


O PP volve a xogar suxo, agora co Intercéltico

23 de Xullo de 2009

getattachmentUnha vez máis o Partido Popular e o Sr. Fervenza, volven a intentar desprestixiar o labor do goberno do Concello de Moaña. Agora co Festival Intercéltico tentando atacar a organización do mesmo de forma incosciente e radical.

É curioso que nesta edición teñan o descaro de denunciar, según eles,  o retraso na presentación do mesmo, o que amosa o “descerebrado” modo de actuación do grupo popular, xa que coñecen dende hai mes e medio a causa pola que se viña pospoñendo a presentación do evento e a súa publicitación, ao igual que se encargaron de filtrar a prensa todos os detalles do festival (grupos, orzamento e ubicación,  dados nas diferentes comisións de Cultura (e despois din que non se dá información).

Por que non denuncian  a parálise  do Goberno do PP na Xunta de Galiza? , pois estase á espera dende que tomaron posesión dos seus cargos que tanto a Consellería de Cultura como a S.A. de Xestión do Plan XACOBEO confirmen a sinatura do convenio de colaboración, coma todos os anos.

Teria a esperanza o Sr. Fervenza de que non se fixera o Intercéltico?

Que esperen sentados, Moaña a pesares do PP e do Sr. Fervenza segue avanzando.


Mocion do BNG na Deputación pola estrada Moaña-Berducedo

22 de Xullo de 2009

A Deputación Provincial de Pontevedra, tiña comprometidos 350.000 euros con cargo ao PPCI08, para a mellora do vial provincial EP-I101 As Barxas-Berducedo. Dita consignación foi anulada no Pleno do 28 de novembro de 2008 e a incorporación do seu financiamento nos remanentes producidos por baixas de adxudicación. Este remanente aplicouse nas obras do Programa de Actuacións Complementarias seguintes: Capa de rodadura na EP 6010 A Lama-Muimenta-Ventos (Lalín-Agolada) e a obra Mellora do trazado e pavimentación da estrada provincial Pontedoval-Barciademera (Mondariz).

o Presidente comprometeuse nese mesmo Pleno a que no Orzamento do ano 2009 haberla unha partida con nome e apelidos deste vial e recoñecía a insuficiencia dos 350.000 euros para acometer a mellora do vial.

Pola contra o concello de Moaña, que estivo esperando durante dous anos a que a Deputación Provincial presentara un convenio de colaboración para a mellora e ensanche do vial, acometeu a mellora deste ata a Moca, para que non se cumpriran os prazos e non perder os cartos, ou modificalos como no caso da institución provincial.

Polo tanto si que cumpriu a súa parte do presunto convenio!!.

Polo tanto existía un marco de acordo onde o concello de Moaña, xa marcou o camiño de colaboración: urbanización dunha estrada provincial, construción de beirarrúas e mellora dos diferentes servizos: alumeado, pluviais… e onde queda pendente o compromiso, unha vez máis, do Presidente da Deputación, que permite que se trasladen aos medios de comunicacións as súas competencias e responsabilidades, o que aproveito para preguntarlle. Sr. Presidente. Que relación ten o deputado autonómico do Partido Popular D. José Fervenza, coa Deputación Provincial de Pontevedra?

Sr. Presidente: Que relación ten o portavoz da Asociación de Veciños das Pagonas, D. Antonio Pastoriza, coa Deputación Provincial?

Sr. Presidente: Estas dúas persoas actúan como portavoces do Presidente da Deputación ante os medios de comunicación?

Sr. Presidente. Que pinta un técnico da Deputación Provincial dándolle explicacións enriba do capó dun coche, ao deputado autonómico D. José Fervenza e a D. Antonio Pastoriza acompañados de ilustres personaxes do Partido Popular e dándolle ultimatums ao concello de Moaña?

Dende o BNG creemos que a política é algo máis que facerse unha foto no capó dun coche, cuns planos e dicer que estivemos cun “técnico”. Abogamos por reducir estas actitudes que contribúen a confundir as institucións cos partidos políticos e os seus lexítimos representantes.

Por todo isto, o grupo provincial do B.N.G. presenta esta MOCIÓN e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación Provincial para a adopción do seguinte

ACORDO

Primeiro: Que se inclúa a cantidade de 2.000.000 euros para completar a urbanización do vial provincial EP-ll O1 da Moca a capela dos Miragres (O Piñeiro), con cargo aos fondos reservados no orzamento da Deputación Provincial para o acondicionamento dos seus VlaIS.

Segundo: Que se remita de forma inmediata unha proposta de convenio ao concello de Moaña que recolla a actuación na totalidade do vial coa súa programación anual de execución.


Movámonos, polo noso idioma, polo emprego

20 de Xullo de 2009
Foto do acto do dia 17 de Xullo

Foto do acto do dia 17 de Xullo

O día 17 de Xullo tivo lugar un acto do Bloque Nacionalista Galego en Moaña no que se viña a destacar os 6 anos de governo nacionalista en Moaña.

No acto interviron diferentes personalidades como son:

  • Concha Trigo: Membro do Consello local e do Consello Nacional do BNG
  • Xesús García: Responsábel Local do BNG
  • Montse Prado: Membro da Executiva do BNG a nível Nacional
  • X.M. Millán: Alcalde de Moaña

Ao acto asistiron máis de 100 persoas, no cal houbo recordos para principios dos anos 80, de cando en Moaña non se sabía o que era a recollida do lixo, limpeza de rúas, etc…

Tamén se destacou a importancia do Día da Patria e do seu significado para o nacionalismo nestes días, do que Castelao deixou escrito no Sempre en Galiza: “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Do que temos que facer cada un e cada unha de todos nos: Movámonos contra das políticas do Partido Popular que queren destruir o idioma galego, Móvamonos en contra das políticas do Partido Popular que queren facer de Galiza unha rexión de 5ª categoría. Movámonos para demostrar, que o 25 de Xullo, hai milleiros e milleiros de galegos e galegas, que queren que Galiza sexa unha Nación e que o Galego seña o idioma natural dos seus fillos.

O noso alcalde tamén tivo palabras para agradecer a presenza de todos os colectivos e asociacións presentes no acto, e a todas e todos os militantes que estaban alí presentes. Recordou todos os proxectos que levamos feito e están en Marcha: Campo de Fútbol do Casal, Recuperación da Xunqueira, Paseo de Domaio, o plan xeral e un largo etc…


Venres 17 de xullo ás 21:00h na sala O Rosal do Thalasso Spa Moaña

14 de Xullo de 2009

acto-17


Posición do BNG sobre a enquisa nos centros de ensino

10 de Xuño de 2009

CONSULTA DA XUNTA DE GALIZA SOBRE O GALEGO NO ENSINO

 

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que en teoría ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.

 

Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno galego a elaborala, o BNG ten que facer as seguintes valoracións:

 

1.- Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino. O PP decidiu no seu día afastarse do consenso sobre o galego (Plano Galego de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004). Anunciou en campaña a derrogación do decreto e xa no goberno reiterou esa intención. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular.

 

2.- A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos. Non existen suficientes garantías de que os resultados non poden ser mesmo manipulados se non fosen do agrado do partido no goberno.

 

3.- Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, innecesaria porque, sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.

 

4.- Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. En ningún caso se pregunta ás familias se serían partidarias de que o conxunto das materias, e non só as troncais, se impartisen en galego.

 

Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.

 

5.- O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”, un dispendio impresentábel no actual contexto de precariedade de medios humanos e materiais que caracteriza a situación do ensino público en Galiza.

 

6.- Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

 

7.- Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:

 

Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

 

Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

 

Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

 

 

 


Moaña volve a contar con BANDEIRA AZUL

29 de Maio de 2009

areal-do-con29-f-35-bandera_azul_correcta1A Unión Europea volve a ter en conta o traballo que dende o goberno municipal se está a facer pola mellora do medio ambiente no noso concello  e voltou a conceder , un ano máis, o distintivo de  Bandeira Azul a Praia do Con. Esta distinción , así como a recuperación ambiental da praia da Xunqueira, a mellora da calidade das augas na ensenada de Moaña, os roteiros do rio da Fraga, de Rialdarca, da Costa de Tirán e do rio Miñuouva, van conformando a posta en práctica dunha política encamiñada a recuperar e poñer en valor o noso entorno natural.

Noraboa a todos os moañeses e moañesas, pois é obra de todos e todas.


PROPOSICIÓN NON DE LEI DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO SOBRE O TRANSPORTE MARÍTIMO.

28 de Maio de 2009
2009-05-09_img_2009-05-09_01_18_06_mor4bng3
Bieito Lobeira e Uxío Piñeiro na presentación da proposición non de lei de transporte marítimo

O grupo parlamentar do bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa dos seus deputados Bieito Lobeira Domínguez e Henrrique Viéitez Alonso e da súa deputada Mª do Carme Adán Villamarín, ao abeiro do regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei en Comisión, relativa á adopción de medidas para o restablecemento da declaración de servizo público da titularidade da Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na Ría de Vigo.

O transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/ Vigo- Moaña e Cangas-Vigo / Vigo-Cangas) víñase regulando a través da Lei 4/1998, do 9 de Abril, de declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, até que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 9 de Marzo do 2006, non recorríbel, declarou a súa incompatibilidade co Regulamento (CEE) nº 3577/92 do Consello, de 7 de Decembro de 1992, ou noutras palabras, co que a Unión Europea ven denominando o principio de “libre competencia”.

O impacto desta decisión comunitaria foi moi importante, e prexudicial do punto de vista político, económico e social. Político, porque se entremetía claramente, e evadía, as competencias exclusivas de Galiza neste ámbito téndose que elaborar unha nova norma (Lei 2/2008 o 6 de Maio) para se adaptar ao mandato da UE. Económico, porque impuña un modelo neoliberal, lonxe das necesidades sociais e fundamento no beneficio económico empresarial nun contexto de “libre competición”, primando o capital por enriba dos intereses populares. E social, o máis grave, en canto ás consecuencias prácticas, porque degradou o servizo (en frecuencias, especialmente grave no caso de Moaña) e ameazaba o seu futuro garantíndose unicamente as viaxes ás Illas Cíes con finalidade evidentemente turística.

Neste contexto preocupante, a Comisión Europea ven agora a lle confirmar ao Goberno de Galiza, logo da correspondente consulta de Dirección Xeral de Transportes, que o novo Regulamento (CE) 1370/2007, abre a posibilidade de que o transporte marítimo entre O Morrazo e Vigo sexa considerado servizo público.

Isto significa que a partires do próximo 3 de Decembro deste mesmo ano, no que estará en vigor o novo Regulamento (artigo 12), a Xunta de Galiza poderá establecer un servizo de transporte público marítimo entre Cangas /Moaña e Vigo, a diferenza do que impuxo no seu día a devandita sentenza da Unión Europea. Cumpre pois, con carácter de urxencia, impulsar en Galiza o procedemento administrativo orientado a este obxectivo.

Non se pode esquecer que a realidade socioeconómica da Comarca do Morrazo fai que un número moi importante de persoas teñan que se desprazar a Vigo por motivos de traballo, estudo, acceso a servizos sanitarios, administrativos, actividades culturais ou de lecer, etc., polo que o transporte marítimo ten un carácter absolutamente estratéxico dentro do fluxo de mobilidade de comarca.

Alén desta necesidade obxectiva, o novo Regulamento UE dispón dunha serie de condicións que se adaptan perfectamente á realidade do transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo.

Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) a presentar a seguinte Proposición non de lei:

O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a:

  1. Por en marcha e axilizar o procedemento administrativo que permita restablecer a declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/Vigo-Moaña e Cangas-Vigo/Vigo-Cangas) para a súa entrada en vigor inmediatamente despois do 3 de decembro de 2009, coincidindo co Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello.
  2. Elaborar con este motivo un novo Proxecto de Lei para a súa tramitación parlamentar.
  3. Definir un modelo público e /ou consorciado para a empresa que desenvolva a prestación do servizo de transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo.
  4. Adoptar, con carácter urxente, medidas conveniadas coa empresa que na actualidade presta este servizo que eviten a desaparición, redución de frecuencias , ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan.

www.bngmoana.org BNG Bloque Nacionalista Galego en Moaña se precia de funcionar con WordPress . Tradución de egalego.com
Entradas (RSS) e Comentarios (RSS).