Arquivo para ‘Información Nacional’ Categoría
O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo

De esquerda a dereita, Edelmiro López Iglesias, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Iván Area, Guillerme Vázquez, Encarna Otero, Alberte Souto, Xavier Vence e Helena Veiguela
Para Ana Miranda, o BNG preséntase a estas eleccións tamén para defender outra idea de Europa. “Onde está Europa neste tempo de crise, no que mesmo Estados Unidos está facendo políticas máis progresistas que as propias institucións comunitarias”, dixo.
A que foi até agora representante “oficiosa” do BNG ante as institucións europeas e asistente parlamentar de Camilo Nogueira entre 1999 e 2004 prometeu facer unha campaña intensa, “percorrendo o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste”. Asegurou así mesmo que os nacionalistas “faremos unha campaña tal e como somos nós: humilde, relacionada coa xente, directamente co pobo e desde logo, participativa”. O lema será «Imos a Europa, vés?».
“Seremos nós os que defenderemos o noso aire, mar e terra, defendendo tamén un país sustentábel”, aclarou.
Galiza non existiu para o PP e o PSOE
Asegurou, por outra parte, que o BNG non é “nin euroescéptico, nin eurooptimista” e reivindicou que o noso país defenda directamente os seus dereitos na Eurocámara. Nesa liña, fixo referencia ao período 1999-2004, no cal o BNG estivo representado através do eurodeputado Camilo Nogueira e tamén á lexislatura 2004-2009, na cal os nacionalistas galegos presentaron iniciativas mediante os partidos cos que foran coaligados.
“Hai que destacar un feito, que é que Galiza apenas existiu para os eurodeputados galegos do PP e do PSOE”, dixo. “Non lembro intervencións nas que falaran das nosas realidades: dos incendios, do textil, da pizarra, das conservas, do agro, do leite”, dixo.
Renegociación dos fondos estruturais
Miranda lembrou que no Parlamento Europeo se renegociarán os fondos estruturais apartir do 2010 “e nós imos estar alí para defender os nosos intereses sen intermediarios, como fan os partidos que teñen a súa sede central en Madrid”. De feito, a candidata nacionalista asegurou que “a nosa sede central é esta, nós queremos relacionarnos directamente de Galiza para Bruxelas, sen pasar por Madrid”.
Lembrou que en Europa se van decidir cuestións moi importantes “que afectan ás nosas vidas, como o Plan Boloña no ensino, a directiva de Servizos, ou a directiva de servizos”. E así mesmo, lembrou que o BNG non estará só no Parlamento Europeo, senón que intervirá através da súa “familia política” da Alianza Libre Europea -partido no que están integrados os nacionalismos progresistas do continente-, que forma grupo parlamentar cos Verdes.
Guillerme Vázquez
O portavoz nacional do BNG asegurou que esta forza política cre “na Europa da cohexión social, pero de verdade, non coma un enunciado abstracto” e reclamou políticas “que favorezan a converxencia real”.
Vázquez lembrou a oposición do BNG ao tratado constitucional europeo, e que “ser crítico coas institucións comunitarias non significa ser antieuropeo”. Nesa liña, apuntou o déficit democrático que teñen as institucións de Bruxelas, ao cal mostraron o seu rexeitamento os pobos de Francia e Holanda votando non ao tratado constitucional europeo. Nesa liña, recordou a oposición do BNG a este tratado.
“Cremos na Europa da cohexión territorial social, pero a de verdade, non como un enunciado abstracto sen nengunha concreción práctica”, enfatizou. E nesa liña, reclamou que se permitan desenvolver “as capacidades produtivas do noso país nos sectores naval, lácteo e pesqueiro”.
Por último, Vázquez sinalou que o BNG “defende unha Europa que xogue outro papel na política internacional, que sexa favorábel á paz e non siga as políticas militaristas e defenda por tanto a libre determinación dos pobos”.
Presentación da candidatura
Vázquez felicitou aos candidatos e candidatas nacionalistas, que cualificou como “un elenco perfectamente preparado”. E sobre todo, destacou a “grandísima experiencia” de Ana Miranda nas institucións comunitarias.
A lista do BNG estará formada por Ana Miranda, Alberte Souto, Encarna Otero, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Marga Vázquez Veras, Iván Area, Helena Veiguela, Marga Caldas e Xavier Vence. Como suplente estará Edelmiro López Iglesias. En breve estarán ao voso dispor todos os curriculums.
O Consello Nacinal do BNG aproba cun 92,5% de apoios a lista ás europeas encabezada por Ana Miranda
Montouto (Teo), 25 Abril 09. O portavoz nacional do BNG en funcións, Anxo Quintana, anunciou hoxe en rolda de prensa o apoio do 92,5% dos membros do Consello Nacional á candidatura que vai presentar o BNG ás eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. Sinalou que o acordo para a rotación de escanos asinado polo BNG no marco da colición “Europa dos pobos” implica que os escanos que a coalición acade sexan ocupados polas distintas forzas políticas en función dos votos que cada partido obteña na súa circunscrición electoral, o que garantiría a presenza do BNG en Bruxelas.
Quintana cualificou aos integrantes da lista como “compañeiros e compañeiras de sobrada experiencia e avalados polas asembleas comarcais”. En concreto, forman parte da lista, ademais de Miranda, as seguintes persoas: Alberte Souto, Encarna Otero, Iolanda Veloso, Cosme Pombo, Margarida Vázquez Veras, Iván Area Carracedo, Helena Veiguela e Xavier Vence.
Destacou tamén que o acordo permite que “a representación do BNG quede asegurada e será tanto máis grande segundo o número de votos que o BNG saque en Galiza”, dixo. “Ademais, o BNG, dacordo coas normas das eleccións europeas, poderá presentarse en Galiza coa súa candidatura e as súas propias siglas”, precisou
Un programa en defensa da Europa dos pobos e das clases populares
“O BNG pretende que no proceso de construción europea a voz galega estea presente, e se faga atendendo á plurinacionalidade e á pluriculturalidade dos estados da unión”, afirmou. Segundo, Quintana, o BNG defenderá “esa Europa dos pobos que é o lema da nosa coalición”.
“Ademais, o noso programa ten en conta que estamos nun momento difícil para as clases populares de Galiza e para as clases populares do conxunto de Europa”, asegurou Quintana, para quen “é precisa unha voz forte que reclame a defensa dos servizos públicos e tamén que a crise non a sufran os máis débile”.
Asemblea Extraordinaria
Quintana informou tamén de que para o Consello Nacional “a Asemblea Nacional Extraordinaria está a ser xa un éxito”. Destacou que a militancia “está a dar un exemplo de compromiso co país”, como desmostra a ampla participación de case 5000 militantes no debate dos relatorios e na elección de delegados e delegadas para esta Asemblea.
“Todas as propostas do BNG teñen un nexo común, buscar o mellor para a organización e como portavoz en funcións quero agradecer a todos os militantes a súa participación”, afirmou Quintana.
O Consello dá por válido o acordo da Executiva acerca do eurodeputado de Galeuscat
A preguntas dos xornalistas, Quintana informou tamén de que o máximo órgano do BNG daba por válido o acordo da executiva en funcións sobre o escano vacante da coalición Galeuscat, que correspondería por número a Camilo Nogueira, mais pertence a Convergència Democrática de Catalunya en función do acordo asinado no seu día. Este acordo recollía que calquera baixa do representante dun partido sería ocupada por outro representante da mesma forza política, renunciando á acta as persoas que lle preceden na lista.
“O BNG é unha forza política seria que cumpre os acordos que asina, aínda que desexasemos que fosen outros”, precisou Quintana.
As asembleas comarcais para a escolla de representantes rexistran unha participación sen precedentes

Asemblea do BNG no Morrazo / foto publicada no Faro de Vigo (20/04/09) edición do Morrazo
Arredor de 5.000 afiliados e afiliadas do BNG tomaron parte nas asembleas comarcais celebradas o pasado sábado en todo o país, o que constitúe unha participación masiva e sen precedentes na historia da formación nacionalista.
Esta mobilización da militancia nacionalista converte desde xa esta Asemblea Nacional na máis participativa da historia do Bloque Nacionalista Galego, un evidente sinal da vitalidade do nacionalismo galego e da súa decisión de enfrentar con vigor os retos do presente e do futuro.
As asembleas comarcais elexeron os 2.500 delegados e delegadas que tomarán parte na Asemblea e debateron as emendas ao Documento Político e ao Regulamento que rexerá o encontro nacional dos militantes que conforman o Bloque Nacionalista Galego.
O debate das emendas foi moi vivo e enriquecedor e puxo de manifesto o interese da militancia nacionalista por achegar as súas propostas e reflexións tanto ao Documento Político como ao Regulamento.
Asemade, as asembleas comarcais submeteron a debate e votación a candidatura ao Parlamento europeu proposta pola Executiva Nacional en funcións.
O apoio das asembleas comarcais á proposta da Executiva foi masivo, ao superarse o 92 por cento de votos favorábeis á lista que encabezará Ana Miranda, especialista en dereito comunitario que foi xa asistente de Camilo Nogueira; e que terá como número dous a Alberte Souto, ex secretario xeral da Consellaría de Medio Rural e avogado de profesión.