Actualidade do BNG de Moaña Neste espazo poderás seguir as novidades, calendario de actividades e actualidade en xeral que se produzan no entorno do BNG de Moaña

Arquivo da categoría ‘Información Nacional’

O BNG defende os intereses dos usuarios de transporte de ría.

Venres, 5 de Febreiro de 2010

O BNG, ven de presentar unha pregunta no parlamento galego, co fin de solucionar a problemática suscitada polos usuarios de transporte de ría. Os nosos parlamentarios fieron constar a queixa reiterada da Federación de Veciños de Moaña A Chamusca , que consideran unha falta de respecto para os usuarios/as manter pechada a estación marítima de Moaña, unha intraestructura en boas condicións, mentres hai usuarios/as que teñen que estar á chuva mentres esperan o barco.

Adxuntamos o documento: pregunta parlamentaria estación marítima moaña.pdf

ACTO INFORMATIVO SOBRE PESCA DO BNG.

Mércores, 20 de Xaneiro de 2010
2010-01-10_img_2010-01-10_00_09_41_mo9

Foto do Faro de Vigo edición Morrazo. 10/01/10

O BNG o pasado sábado 9 de Xaneiro, realizou un acto sobre pesca ao que asistiron Olaia Fernández Davila(deputada nas cortes do Estado), Bieito Lobeira(deputado no parlamento Galego) e Ana Miranda (representante do BNG no parlamento europeo). O acto estivo presentado polo deputado provincial e concelleiro de Mar e Medio Ambente de Moaña, Daniel Rodas.  O acto estivo centrado na nova Política Pesqueira Común da Unión Europea. Para Ana MIranda un dos retos máis importantes que se plantexa o BNG en Europa é que a flota sexa rentábel grazas as posíbeis subencións, a diferenciación entre pesca industrial e artesanal de baixura ou o marisqueo, así como que Galiza sexa definida como Zona Altamente Dependente da Pesca, como xa ocorre con outras zonas Europeas.

Bieito Lobeira: Isto provoca que a flota galega só teña asignado o 4% da cuota pesqueira e os daneses o 40%, así como acceso a augas comunitarias nas que os nosos barcos non poden faenar”

A este Acto asistiron representación de todas as cofradías e sectores dependentes da pesca e marisqueo da Ría de Vigo e de Pontevedra, así como unha nutrida representación de bateeiros, redeiras e xente do sector. O debate xenerou numerosas preguntas e postas en común que se trasladaron para que a comisión nacional de Pesca do BNG analice e trslade a información. Asimesmo, explicouse que calquera cuestión relacionada con este tema, se lle expuxera ao concelleiro de Moaña Daniel Rodas, que como membro desta comisión faga chegar caslquer iniciativa a este órgano do BNG.

O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA DE GALIZA QUE CUMPRA CO ACORDADO NO PARLAMENTO E EVITE A DESAPARICIÓN DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS NA RÍA DE VIGO

Venres, 31 de Xullo de 2009

bieitobandeira

Os parlamentarios nacionalistas denuncian que no caso de Moaña “séguese recortando o servizo” e critican as últimas declaracións do conselleiro Agustín Hernández

Os deputados nacionalistas lembran que a iniciativa do BNG transccionada no Parlamento de Galiza cos outros grupos instaba á Xunta a que antes do 3 de decembro de 2009 realizase as modificacións legais necesarias para evitar a “desaparición, redución de frecuencias, ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan”.

A realidade é que o servizo segue reducíndose

Sen embargo, os parlamentarios do BNG denuncian que “no caso de Moaña segue suprimido o servizo de transporte marítmo as fins de semana e os festivos; os barcos saen cada hora os días laborábeis, xa non cada media hora, e a empresa navieira mantén a ameaza de supresión total do transporte unha vez rematada a campaña de verán”.

Declaracións do conselleiro Agustín HernándezNeste sentido, denuncian que “a incertidume social vai en aumento co paso do tempo e non existen, ou non se coñecen, indicios que permitan albiscar unha saída positiva ao actual estado de cousas”.

A este respeito, os deputados do BNG consideran “máis grave aínda que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmase que `non se pode subvencionar o billete -a través do correspondente convenio- se non se incrementa o número de usuarios”.

A estas declaracións os parlamentares nacionalistas sublíñanselle ao conselleiro que “por moito que non entre nos parámetros do PP a aposta por una modelo de transporte público, intermodal e colectivo, como é o de ría, é deber da Xunta acometer o mandato do Parlamento do pasado 17 de xuño, no sentido de acometer todas as accións necesarias en defensa da existencia, calidade e futuro do transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras na ría de Vigo”.

Ante esta situación, os deputados do BNG pregúntanlle á Xunta de Galiza polas vías de comunicación que teñen coa Unión Europea para darlle saída legal ao conflito existente e, en concreto, polas modificacións lexislativas que porán en marcha á luz do novo Regulamento comunitario a fin de restablecer a declaración do transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo como servizo público de titularidade da Xunta.

Por último, demándanlle á Xunta que confirme se as moficacións legais entrarán en vigor antes do 3 de decembro e que concrete as medidas que vai poñer en marcha para evitar a desaparición, redución de frecuencias ou degradación das condicións de transporte que se viñan prestando.

PROPOSICIÓN NON DE LEI DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO SOBRE O TRANSPORTE MARÍTIMO.

Xoves, 28 de Maio de 2009
2009-05-09_img_2009-05-09_01_18_06_mor4bng3
Bieito Lobeira e Uxío Piñeiro na presentación da proposición non de lei de transporte marítimo

O grupo parlamentar do bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa dos seus deputados Bieito Lobeira Domínguez e Henrrique Viéitez Alonso e da súa deputada Mª do Carme Adán Villamarín, ao abeiro do regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei en Comisión, relativa á adopción de medidas para o restablecemento da declaración de servizo público da titularidade da Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na Ría de Vigo.

O transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/ Vigo- Moaña e Cangas-Vigo / Vigo-Cangas) víñase regulando a través da Lei 4/1998, do 9 de Abril, de declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, até que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 9 de Marzo do 2006, non recorríbel, declarou a súa incompatibilidade co Regulamento (CEE) nº 3577/92 do Consello, de 7 de Decembro de 1992, ou noutras palabras, co que a Unión Europea ven denominando o principio de “libre competencia”.

O impacto desta decisión comunitaria foi moi importante, e prexudicial do punto de vista político, económico e social. Político, porque se entremetía claramente, e evadía, as competencias exclusivas de Galiza neste ámbito téndose que elaborar unha nova norma (Lei 2/2008 o 6 de Maio) para se adaptar ao mandato da UE. Económico, porque impuña un modelo neoliberal, lonxe das necesidades sociais e fundamento no beneficio económico empresarial nun contexto de “libre competición”, primando o capital por enriba dos intereses populares. E social, o máis grave, en canto ás consecuencias prácticas, porque degradou o servizo (en frecuencias, especialmente grave no caso de Moaña) e ameazaba o seu futuro garantíndose unicamente as viaxes ás Illas Cíes con finalidade evidentemente turística.

Neste contexto preocupante, a Comisión Europea ven agora a lle confirmar ao Goberno de Galiza, logo da correspondente consulta de Dirección Xeral de Transportes, que o novo Regulamento (CE) 1370/2007, abre a posibilidade de que o transporte marítimo entre O Morrazo e Vigo sexa considerado servizo público.

Isto significa que a partires do próximo 3 de Decembro deste mesmo ano, no que estará en vigor o novo Regulamento (artigo 12), a Xunta de Galiza poderá establecer un servizo de transporte público marítimo entre Cangas /Moaña e Vigo, a diferenza do que impuxo no seu día a devandita sentenza da Unión Europea. Cumpre pois, con carácter de urxencia, impulsar en Galiza o procedemento administrativo orientado a este obxectivo.

Non se pode esquecer que a realidade socioeconómica da Comarca do Morrazo fai que un número moi importante de persoas teñan que se desprazar a Vigo por motivos de traballo, estudo, acceso a servizos sanitarios, administrativos, actividades culturais ou de lecer, etc., polo que o transporte marítimo ten un carácter absolutamente estratéxico dentro do fluxo de mobilidade de comarca.

Alén desta necesidade obxectiva, o novo Regulamento UE dispón dunha serie de condicións que se adaptan perfectamente á realidade do transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo.

Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) a presentar a seguinte Proposición non de lei:

O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a:

  1. Por en marcha e axilizar o procedemento administrativo que permita restablecer a declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/Vigo-Moaña e Cangas-Vigo/Vigo-Cangas) para a súa entrada en vigor inmediatamente despois do 3 de decembro de 2009, coincidindo co Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello.
  2. Elaborar con este motivo un novo Proxecto de Lei para a súa tramitación parlamentar.
  3. Definir un modelo público e /ou consorciado para a empresa que desenvolva a prestación do servizo de transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo.
  4. Adoptar, con carácter urxente, medidas conveniadas coa empresa que na actualidade presta este servizo que eviten a desaparición, redución de frecuencias , ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan.

Miranda: “Só se o BNG está presente en Europa serán defendidos os nosos intereses”

Mércores, 20 de Maio de 2009

Iolanda Veloso e Ana Miranda onte na universidade de Vigo

A candidata do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, subliñou hoxe que “a presenza de eurodeputados do BNG no Parlamento Europeo é a única garantía de que os intereses galegos sexan escoitados e defendidos en Bruxelas”.

Ana Miranda realizou estas declaracións esta mañá no decurso dun encontro con estudantes no campus universitario de Vigo, no que tamén participou a edil do BNG e tamén candidata ao Parlamento Europeo, Iolanda Veloso.

O transporte de Ría, “un medio respectuoso co medio ambiente e imprescindíbel para conectar a ría de Vigo, e que pola liberalización de servizos que defende a UE vai facer que desapareza, como xa está a acontecer coas conexións con Moaña”

O noso modelo é o dunha Europa máis democrática e social e máis solidaria cos países pobres”Ana Miranda asegurou que o modelo de Unión Europea que defende o BNG “é o dunha Europa máis democrática e social, máis solidaria cos países pobres, e na que os intereses de Galiza sexan defendidos.

Neste sentido, lembrou que “nestes cinco últimos anos asistimos á procesión dos caladiños en Bruxelas pois Galiza estivo completamente ausente”. Por iso, a candidata nacionalista, subliñou que “só a través do BNG os intereses de Galiza serán escoitados e defendidos en Bruxelas”.

Defender o transporte de ría e a nosa pesca

Pola súa parte, Iolanda Veloso lembrou que “o BNG mantén determinadas posturas que co tempo van demostrando que son de sentido común, fronte a discursos alleos que non se adaptan á nosa realidade”.

“Por iso –salientou- seguimos defendendo a construción dunha Europa dos Pobos, que se levante o veto a ASTANO para construír barcos, que o noso sector leiteiro e que a nosa pesca se poidan desenvolver.

Neste sentido, Iolanda Veloso fixo especial mención ao transporte de Ría, “un medio respectuoso co medio ambiente e imprescindíbel para conectar a ría de Vigo, e que pola liberalización de servizos que defende a UE vai facer que desapareza, como xa está a acontecer coas conexións con Moaña”

O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo

Mércores, 13 de Maio de 2009
De esquerda a dereita, Edelmiro López Iglesias, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Iván Area, Guillerme Vázquez, Encarna Otero, Alberte Souto, Xavier Vence e Helena Veiguela

De esquerda a dereita, Edelmiro López Iglesias, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Iván Area, Guillerme Vázquez, Encarna Otero, Alberte Souto, Xavier Vence e Helena Veiguela

“Galiza, nación europea, ten tanto dereito a existir e estar representado nas institucións europeas como calquera outra nación”, asegurou Ana Miranda. “E ademais a estar representada en galego”, asegurou a candidata nacionalista, quen lembrou que a súa filla fala galego, castelán, francés e neerlandés, e que “as linguas suman e non restan”.

Para Ana Miranda, o BNG preséntase a estas eleccións tamén para defender outra idea de Europa. “Onde está Europa neste tempo de crise, no que mesmo Estados Unidos está facendo políticas máis progresistas que as propias institucións comunitarias”, dixo.

A que foi até agora representante “oficiosa” do BNG ante as institucións europeas e asistente parlamentar de Camilo Nogueira entre 1999 e 2004 prometeu facer unha campaña intensa, “percorrendo o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste”. Asegurou así mesmo que os nacionalistas “faremos unha campaña tal e como somos nós: humilde, relacionada coa xente, directamente co pobo e desde logo, participativa”. O lema será “Imos a Europa, vés?”.

“Seremos nós os que defenderemos o noso aire, mar e terra, defendendo tamén un país sustentábel”, aclarou.

Galiza non existiu para o PP e o PSOE

Asegurou, por outra parte, que o BNG non é “nin euroescéptico, nin eurooptimista” e reivindicou que o noso país defenda directamente os seus dereitos na Eurocámara. Nesa liña, fixo referencia ao período 1999-2004, no cal o BNG estivo representado através do eurodeputado Camilo Nogueira e tamén á lexislatura 2004-2009, na cal os nacionalistas galegos presentaron iniciativas mediante os partidos cos que foran coaligados.

“Hai que destacar un feito, que é que Galiza apenas existiu para os eurodeputados galegos do PP e do PSOE”, dixo. “Non lembro intervencións nas que falaran das nosas realidades: dos incendios, do textil, da pizarra, das conservas, do agro, do leite”, dixo.

Renegociación dos fondos estruturais

Miranda lembrou que no Parlamento Europeo se renegociarán os fondos estruturais apartir do 2010 “e nós imos estar alí para defender os nosos intereses sen intermediarios, como fan os partidos que teñen a súa sede central en Madrid”. De feito, a candidata nacionalista asegurou que “a nosa sede central é esta, nós queremos relacionarnos directamente de Galiza para Bruxelas, sen pasar por Madrid”.

Lembrou que en Europa se van decidir cuestións moi importantes “que afectan ás nosas vidas, como o Plan Boloña no ensino, a directiva de Servizos, ou a directiva de servizos”. E así mesmo, lembrou que o BNG non estará só no Parlamento Europeo, senón que intervirá através da súa “familia política” da Alianza Libre Europea -partido no que están integrados os nacionalismos progresistas do continente-, que forma grupo parlamentar cos Verdes.

Guillerme Vázquez

O portavoz nacional do BNG asegurou que esta forza política cre “na Europa da cohexión social, pero de verdade, non coma un enunciado abstracto” e reclamou políticas “que favorezan a converxencia real”.

Vázquez lembrou a oposición do BNG ao tratado constitucional europeo, e que “ser crítico coas institucións comunitarias non significa ser antieuropeo”. Nesa liña, apuntou o déficit democrático que teñen as institucións de Bruxelas, ao cal mostraron o seu rexeitamento os pobos de Francia e Holanda votando non ao tratado constitucional europeo. Nesa liña, recordou a oposición do BNG a este tratado.

“Cremos na Europa da cohexión territorial social, pero a de verdade, non como un enunciado abstracto sen nengunha concreción práctica”, enfatizou. E nesa liña, reclamou que se permitan desenvolver “as capacidades produtivas do noso país nos sectores naval, lácteo e pesqueiro”.

Por último, Vázquez sinalou que o BNG “defende unha Europa que xogue outro papel na política internacional, que sexa favorábel á paz e non siga as políticas militaristas e defenda por tanto a libre determinación dos pobos”.

Presentación da candidatura

Vázquez felicitou aos candidatos e candidatas nacionalistas, que cualificou como “un elenco perfectamente preparado”. E sobre todo, destacou a “grandísima experiencia” de Ana Miranda nas institucións comunitarias.

A lista do BNG estará formada por Ana Miranda, Alberte Souto, Encarna Otero, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Marga Vázquez Veras, Iván Area, Helena Veiguela, Marga Caldas e Xavier Vence. Como suplente estará Edelmiro López Iglesias. En breve estarán ao voso dispor todos os curriculums.

O Consello Nacinal do BNG aproba cun 92,5% de apoios a lista ás europeas encabezada por Ana Miranda

Luns, 27 de Abril de 2009

ana_mirandaMontouto (Teo), 25 Abril 09. O portavoz nacional do BNG en funcións, Anxo Quintana, anunciou hoxe en rolda de prensa o apoio do 92,5% dos membros do Consello Nacional á candidatura que vai presentar o BNG ás eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. Sinalou que o acordo para a rotación de escanos asinado polo BNG no marco da colición “Europa dos pobos” implica que os escanos que a coalición acade sexan ocupados polas distintas forzas políticas en función dos votos que cada partido obteña na súa circunscrición electoral, o que garantiría a presenza do BNG en Bruxelas.

Quintana cualificou aos integrantes da lista como “compañeiros e compañeiras de sobrada experiencia e avalados polas asembleas comarcais”. En concreto, forman parte da lista, ademais de Miranda, as seguintes persoas: Alberte Souto, Encarna Otero, Iolanda Veloso, Cosme Pombo, Margarida Vázquez Veras, Iván Area Carracedo, Helena Veiguela e Xavier Vence.

Destacou tamén que o acordo permite que “a representación do BNG quede asegurada e será tanto máis grande segundo o número de votos que o BNG saque en Galiza”, dixo. “Ademais, o BNG, dacordo coas normas das eleccións europeas, poderá presentarse en Galiza coa súa candidatura e as súas propias siglas”, precisou

Un programa en defensa da Europa dos pobos e das clases populares

“O BNG pretende que no proceso de construción europea a voz galega estea presente, e se faga atendendo á plurinacionalidade e á pluriculturalidade dos estados da unión”, afirmou. Segundo, Quintana, o BNG defenderá “esa Europa dos pobos que é o lema da nosa coalición”.

“Ademais, o noso programa ten en conta que estamos nun momento difícil para as clases populares de Galiza e para as clases populares do conxunto de Europa”, asegurou Quintana, para quen “é precisa unha voz forte que reclame a defensa dos servizos públicos e tamén que a crise non a sufran os máis débile”.

Asemblea Extraordinaria

Quintana informou tamén de que para o Consello Nacional “a Asemblea Nacional Extraordinaria está a ser xa un éxito”. Destacou que a militancia “está a dar un exemplo de compromiso co país”, como desmostra a ampla participación de case 5000 militantes no debate dos relatorios e na elección de delegados e delegadas para esta Asemblea.

“Todas as propostas do BNG teñen un nexo común, buscar o mellor para a organización e como portavoz en funcións quero agradecer a todos os militantes a súa participación”, afirmou Quintana.

O Consello dá por válido o acordo da Executiva acerca do eurodeputado de Galeuscat

A preguntas dos xornalistas, Quintana informou tamén de que o máximo órgano do BNG daba por válido o acordo da executiva en funcións sobre o escano vacante da coalición Galeuscat, que correspondería por número a Camilo Nogueira, mais pertence a Convergència Democrática de Catalunya en función do acordo asinado no seu día. Este acordo recollía que calquera baixa do representante dun partido sería ocupada por outro representante da mesma forza política, renunciando á acta as persoas que lle preceden na lista.

“O BNG é unha forza política seria que cumpre os acordos que asina, aínda que desexasemos que fosen outros”, precisou Quintana.

As asembleas comarcais para a escolla de representantes rexistran unha participación sen precedentes

Luns, 27 de Abril de 2009
Asemblea do BNG no Morrazo / foto publicada no Faro de Vigo (20/04/09) edición do Morrazo

Asemblea do BNG no Morrazo / foto publicada no Faro de Vigo (20/04/09) edición do Morrazo

Arredor de 5.000 afiliados e afiliadas do BNG tomaron parte nas asembleas comarcais celebradas o pasado sábado en todo o país, o que constitúe unha participación masiva e sen precedentes na historia da formación nacionalista.

Esta mobilización da militancia nacionalista converte desde xa esta Asemblea Nacional na máis participativa da historia do Bloque Nacionalista Galego, un evidente sinal da vitalidade do nacionalismo galego e da súa decisión de enfrentar con vigor os retos do presente e do futuro.

As asembleas comarcais elexeron os 2.500 delegados e delegadas que tomarán parte na Asemblea e debateron as emendas ao Documento Político e ao Regulamento que rexerá o encontro nacional dos militantes que conforman o Bloque Nacionalista Galego.

O debate das emendas foi moi vivo e enriquecedor e puxo de manifesto o interese da militancia nacionalista por achegar as súas propostas e reflexións tanto ao Documento Político como ao Regulamento.

Asemade, as asembleas comarcais submeteron a debate e votación a candidatura ao Parlamento europeu proposta pola Executiva Nacional en funcións.

O apoio das asembleas comarcais á proposta da Executiva foi masivo, ao superarse o 92 por cento de votos favorábeis á lista que encabezará Ana Miranda, especialista en dereito comunitario que foi xa asistente de Camilo Nogueira; e que terá como número dous a Alberte Souto, ex secretario xeral da Consellaría de Medio Rural e avogado de profesión.

www.bngmoana.org BNG Bloque Nacionalista Galego en Moaña se precia de funcionar con WordPress . Tradución de egalego.com
Entradas (RSS) e Comentarios (RSS).