Arquivo para ‘C. Comarcal de Muller’ Categoría

Pleno de Moaña 29/12/2011 Punto 6 Custodia Compartida

Nesta moción do PP proponse un modelo de garda e custodia compartida que entraría en vigor cando non hai entendemento entre os pais, no que o xuíz ou xuíza adoptaría un réxime de custodia compartida , só coa solicitude do pai ou da nai, sen acordo previo entre ambos. Cito textualmente: outorgar a garda e custodia compartida “de modo xeral aínda en defecto de acordo entre as partes”

O BNG considera que despois dunha separación a garda e custodia compartida pola  nai e o pai é o ideal para o interese das e dos menores, sempre e cando exista acordo entre as dúas  partes.

O actual marco legal xa contempla no artigo  92.5 do Código Civil a posibilidade de acordar o exercicio compartido da garda e custodia dos fillos e fillas  cando o soliciten os proxenitores ou cheguen a ese acordo durante o procedemento.  É máis, o xuíz ou xuíza pode decidir a custodia compartida  se solicitado por unha das partes e  tendo o informe favorable do Ministerio Fiscal, entende que dese xeito se protexe  o interese superior da/do menor.

A garda e custodia compartida significa que a/o menor fisicamente se manterá en compañía do pai e da nai de forma conxunta, é dicir , que o tempo de estancia se vai repartir nunha proporción próxima ao 50%.

Na práctica, as/os menores poden permanecer no domicilio familiar e ambos proxenitores manter domicilios diferentes, acudindo en momentos distintos o pai  ou a nai ao domicilio común para facerse cargo do coidado dos fillos/as.

Outra fórmula máis habitual cando se da un réxime de custodia compartida ,é aquela na que ambos proxenitores manteñen domicilios separados e é a/o menor o que cambia de domicilio  cada día, cada semana cada mes ou cada ano.

En un réxime destas características o pai e a nai deben acceder a vivir en lugares relativamente próximos para que a/o menor poida acudir ao colexio e manter as mesmas actividades e relacións. O pai e nai ademais deben intercambiarse puntos de vista para unificar pautas de conduta cara a/o menor, é dicir, debe haber entendemento entre eles.

Consideramos que o cambio que se propón é contrario á filosofía da custodia compartida, onde ten que haber un compromiso polas dúas partes de aceptar as responsabilidades que dependen da custodia compartida, deixando as discrepancias á marxe, para que prevaleza sempre o interese do/da menor, que é a quen hai que defender.

Dende o BNG, parécenos que esta imposición no momento de máis conflito eleva o perigo de desestabilizar emocionalmente aos menores e ás menores e que se debe máis a intereses dos adultos que aos intereses dos nenos e das nenas.

Cremos que de non haber acordo para que se comparta a custodia, débese valorar en cada caso o grado de corresponsabilidade exercido por cada proxenitor durante a vida en parella, como se produce a ruptura e os vínculos emotivos do neno/a co pai e coa nai á hora de establecer o réxime da custodia.

 A resposta da concelleira non ten desperdicio, xa que afirma que deberían de ser os pais de mutuo acordo quenes tomen a decisión de custodia compartida dándolle a razón ao BNG. Pero non queda ahí a cousa, en resposta a argumentación da concellala do PSOE, en canto que nesta moción non se ten en conta a violencia de xénero, a resposta é moito máis extravagante, cito textualmente: “Un acusado de violencia de xénero, non pode optar a custodia… depende do grado de violencia…”

 Como faltaba un concelleiro do PSOE e o haber empate na votación, o Sr. Alcalde usou o seu voto de calidade para proceder a aprobación da citada moción cos votos en contra do BNG e PSOE.

125 camelia para Moaña. Artigo de María Pilar García Negro en Xornal (04/05/2010)

2010050319571684169Foi en Moaña, no derradeiro día de Abril. A Comisión Comarcal das Mulleres do BNG, con Modesta Rioboo ao frente, organizou un acto de homenaxe á escritora inaugural da literatura galega que titularon “125 camelias para Rosalía de Castro”, no ano en que se cumpren 125 do seu falecemento. Chama a atención que a cultura “oficial” (se é que cabe chamar a algo así) ou, ao menos, a que pagamos todas e todos, omite calquer celebración ou recordación que permita sentar o seguinte: somos un povo; temos historia colectiva; ela, esta historia, é específica e non apendicular do planeta español; conta con elementos de forte significación material e simbólica, marcantes de modernidade, moito máis avanzados dos que á forza se nos impuxeron como mestres de progreso e de innovación. Afortunadamente, contamos cunha “outra” cultura, como evidencia este acto de Moaña que estou a gabar. Foi espléndido por varias razóns. En primeiro lugar, por non se limitar a unha conmemoración ritual ou “burocrática”, senón por implicar actores moi diversos. En segundo lugar, por concitar e manter a atención do público que ateigou o Centro Sociocultural “Daniel Castelao” durante dúas horas longas. En fin, porque demostrou con feitos que todas as artes son amigas, como querían os clásicos, e, destarte, houbo música, poesía, discurso, arte floral, imaxes…

Laura Almuíña compuxo magníficos centros de camelias que decoraron o escenario e eran mostra vizosa das duascentas variedades desta fror que cultiva na súa plantación. Xavier Blanco descobriunos a maxia dunhas músicas executadas con instrumentos ancestrais, tan vellos como os traballos a eles vinculados, no campo e no mar; por certo, fusión perfeita para unha poesía como a de Rosalía que eleva o popular á categoría de arte superior e merecente dunha épica dignificada. O grupo Donairare agasallounos con pezas tradicionais da mellor factura. Antía e Sara Pérez Davila, intérpretes de violino, executaron perfeitamente temas coñecidos da tradición musical galega, varios deles baseados en poemas rosalianos. Poemas da autora foron recitados nas voces de Antía Cal; Asunción Sóñora; Xosé Mª Álvarez Cáccamo; Asunción Estévez; Héitor Mera; Ana Blanco Cancelas; Rubén Aramburu; Rosa Estévez; X. Daniel Costas; Cristina González Piñeiro; Iria Aboi; Asunción Veloso; Marica Campo; unha servidora. Fago citación completa para que se comprobe a variedade de dedicacións, idades e profisións. Rendo homenaxe aquí á forza e entusiasmo de Antía Cal, con 87 lúcidos anos, a nos animar a todas e a todos a proseguir neste camiño de coñecemento e de autoestima colectiva, camiño que ela iniciara xunto a seu home, Antón Beiras, grazas a quen tivo a obra completa da escritora. En tal atmosfera, figúrense a honra que para min supuxo falar a todos os presentes da potencia e transcendencia da obra rosaliana, mesmo que, por mor da necesaria síntese, fose a golpe de “pinturas” de groso trazo…

Parabéns ás organizadoras, benia a todos os asistentes!

125 Camelias para Rosalía

125-camelias-invitacion