Pleno de Moaña 29/12/2011 Punto 6 Custodia Compartida
Nesta moción do PP proponse un modelo de garda e custodia compartida que entraría en vigor cando non hai entendemento entre os pais, no que o xuíz ou xuíza adoptaría un réxime de custodia compartida , só coa solicitude do pai ou da nai, sen acordo previo entre ambos. Cito textualmente: outorgar a garda e custodia compartida “de modo xeral aínda en defecto de acordo entre as partes”
O BNG considera que despois dunha separación a garda e custodia compartida pola nai e o pai é o ideal para o interese das e dos menores, sempre e cando exista acordo entre as dúas partes.
O actual marco legal xa contempla no artigo 92.5 do Código Civil a posibilidade de acordar o exercicio compartido da garda e custodia dos fillos e fillas cando o soliciten os proxenitores ou cheguen a ese acordo durante o procedemento. É máis, o xuíz ou xuíza pode decidir a custodia compartida se solicitado por unha das partes e tendo o informe favorable do Ministerio Fiscal, entende que dese xeito se protexe o interese superior da/do menor.
A garda e custodia compartida significa que a/o menor fisicamente se manterá en compañía do pai e da nai de forma conxunta, é dicir , que o tempo de estancia se vai repartir nunha proporción próxima ao 50%.
Na práctica, as/os menores poden permanecer no domicilio familiar e ambos proxenitores manter domicilios diferentes, acudindo en momentos distintos o pai ou a nai ao domicilio común para facerse cargo do coidado dos fillos/as.
Outra fórmula máis habitual cando se da un réxime de custodia compartida ,é aquela na que ambos proxenitores manteñen domicilios separados e é a/o menor o que cambia de domicilio cada día, cada semana cada mes ou cada ano.
En un réxime destas características o pai e a nai deben acceder a vivir en lugares relativamente próximos para que a/o menor poida acudir ao colexio e manter as mesmas actividades e relacións. O pai e nai ademais deben intercambiarse puntos de vista para unificar pautas de conduta cara a/o menor, é dicir, debe haber entendemento entre eles.
Consideramos que o cambio que se propón é contrario á filosofía da custodia compartida, onde ten que haber un compromiso polas dúas partes de aceptar as responsabilidades que dependen da custodia compartida, deixando as discrepancias á marxe, para que prevaleza sempre o interese do/da menor, que é a quen hai que defender.
Dende o BNG, parécenos que esta imposición no momento de máis conflito eleva o perigo de desestabilizar emocionalmente aos menores e ás menores e que se debe máis a intereses dos adultos que aos intereses dos nenos e das nenas.
Cremos que de non haber acordo para que se comparta a custodia, débese valorar en cada caso o grado de corresponsabilidade exercido por cada proxenitor durante a vida en parella, como se produce a ruptura e os vínculos emotivos do neno/a co pai e coa nai á hora de establecer o réxime da custodia.
A resposta da concelleira non ten desperdicio, xa que afirma que deberían de ser os pais de mutuo acordo quenes tomen a decisión de custodia compartida dándolle a razón ao BNG. Pero non queda ahí a cousa, en resposta a argumentación da concellala do PSOE, en canto que nesta moción non se ten en conta a violencia de xénero, a resposta é moito máis extravagante, cito textualmente: “Un acusado de violencia de xénero, non pode optar a custodia… depende do grado de violencia…”
Como faltaba un concelleiro do PSOE e o haber empate na votación, o Sr. Alcalde usou o seu voto de calidade para proceder a aprobación da citada moción cos votos en contra do BNG e PSOE.
