Archive for Xaneiro, 2012

Pleno de Moaña 29/12/2011 Punto 6 Custodia Compartida

Nesta moción do PP proponse un modelo de garda e custodia compartida que entraría en vigor cando non hai entendemento entre os pais, no que o xuíz ou xuíza adoptaría un réxime de custodia compartida , só coa solicitude do pai ou da nai, sen acordo previo entre ambos. Cito textualmente: outorgar a garda e custodia compartida “de modo xeral aínda en defecto de acordo entre as partes”

O BNG considera que despois dunha separación a garda e custodia compartida pola  nai e o pai é o ideal para o interese das e dos menores, sempre e cando exista acordo entre as dúas  partes.

O actual marco legal xa contempla no artigo  92.5 do Código Civil a posibilidade de acordar o exercicio compartido da garda e custodia dos fillos e fillas  cando o soliciten os proxenitores ou cheguen a ese acordo durante o procedemento.  É máis, o xuíz ou xuíza pode decidir a custodia compartida  se solicitado por unha das partes e  tendo o informe favorable do Ministerio Fiscal, entende que dese xeito se protexe  o interese superior da/do menor.

A garda e custodia compartida significa que a/o menor fisicamente se manterá en compañía do pai e da nai de forma conxunta, é dicir , que o tempo de estancia se vai repartir nunha proporción próxima ao 50%.

Na práctica, as/os menores poden permanecer no domicilio familiar e ambos proxenitores manter domicilios diferentes, acudindo en momentos distintos o pai  ou a nai ao domicilio común para facerse cargo do coidado dos fillos/as.

Outra fórmula máis habitual cando se da un réxime de custodia compartida ,é aquela na que ambos proxenitores manteñen domicilios separados e é a/o menor o que cambia de domicilio  cada día, cada semana cada mes ou cada ano.

En un réxime destas características o pai e a nai deben acceder a vivir en lugares relativamente próximos para que a/o menor poida acudir ao colexio e manter as mesmas actividades e relacións. O pai e nai ademais deben intercambiarse puntos de vista para unificar pautas de conduta cara a/o menor, é dicir, debe haber entendemento entre eles.

Consideramos que o cambio que se propón é contrario á filosofía da custodia compartida, onde ten que haber un compromiso polas dúas partes de aceptar as responsabilidades que dependen da custodia compartida, deixando as discrepancias á marxe, para que prevaleza sempre o interese do/da menor, que é a quen hai que defender.

Dende o BNG, parécenos que esta imposición no momento de máis conflito eleva o perigo de desestabilizar emocionalmente aos menores e ás menores e que se debe máis a intereses dos adultos que aos intereses dos nenos e das nenas.

Cremos que de non haber acordo para que se comparta a custodia, débese valorar en cada caso o grado de corresponsabilidade exercido por cada proxenitor durante a vida en parella, como se produce a ruptura e os vínculos emotivos do neno/a co pai e coa nai á hora de establecer o réxime da custodia.

 A resposta da concelleira non ten desperdicio, xa que afirma que deberían de ser os pais de mutuo acordo quenes tomen a decisión de custodia compartida dándolle a razón ao BNG. Pero non queda ahí a cousa, en resposta a argumentación da concellala do PSOE, en canto que nesta moción non se ten en conta a violencia de xénero, a resposta é moito máis extravagante, cito textualmente: “Un acusado de violencia de xénero, non pode optar a custodia… depende do grado de violencia…”

 Como faltaba un concelleiro do PSOE e o haber empate na votación, o Sr. Alcalde usou o seu voto de calidade para proceder a aprobación da citada moción cos votos en contra do BNG e PSOE.

Pleno de Moaña do 29/12/2011

Como ven sendo habitual nos últimos plenos o punto 1 (aprobación da acta anterior) e o punto 2 (resolucións da alcaldía) son aprobadas por unanimidade sen nada destacable.

O punto seguinte, punto 3, sobre a liquidación das contas do concello referentes ao ano 2.010. Neste punto o portavoz do grupo municipal do BNG, X.M. Millán, pide que se de lectura ao resumo da liquidación para demostrar que o ano 2010, e gracias a boa xestión do anterior goberno, o Concello de Moaña rematou o exercicio con superávit sendo así un dos poucos concellos de Galiza e o estado que o conseguiu. Resulta estraño que este resumo da liquidación non fose atopado polo Sr. Alcalde para dar lectura no pleno, evitando quedar en evidencia o cal demostraría as mentiras e datos segados que o PP usou e segue a usar en contra do anterior goberno en materia de xestión económica.

Intentando saír do apuro e buscando algo que achacar a anterior xestión do goberno local, o Sr. Alcalde ponse a ler un informe de intervención…

o que non se da de conta é que o informe fai referencia ao material inventariable do concello, nada que ver coa liquidación que lle estaba a pedir o portavoz do grupo municipal do BNG.

O punto 4 é a aprobación do trámite de ficheiros de carácter persoal no Patronato Beiramar. Non ten maior importancia a non ser que dende o punto de vista do BNG, este trámite debería pasar antes polo órgano de xestión do Patronato Beiramar.

p>

Chegou o punto de comparecencia da delegada de urbanismo no concello de Moaña, punto nº 5. Está dividido en 4 partes. As primeiras 2 partes fálase sobre o PXOM emitindo o BNG a pregunta e a logo falando a concelleira delegada de urbanismo, existindo unha réplica posterior sobre o mesmo tema. As últimas 2 partes falan sobre a xestión de urbanismo local e a disciplina urbanística, tendo o mesmo esquema anterior. Podemos ver como o portavoz do BNG, X.M. Millán, é interrompido decotío (como ven sendo habitual dende que o PP está a desgobernar Moaña) sen que o Sr. Alcalde poña orde no pleno.

O BNG pregúntalle ao goberno municipal sobre:

  • Sobre a publicación con nocturnidade e aleivosía do PXOM
  • Cal vai ser a cualificación daqueles ámbitos do PXOM que estaban cualificados como chan urbanizable con distintas categorías, e a secretaría xeral de urbanismo di que deben poñerse como chan rústico con diferente protección (zonas de Meira de Arriba, zonas de Calvar en Domaio)

A delegada de urbanismo:

  • Que non sabe, non contesta e tampouco quere saber nin aprender…

O BNG replícalle a delegada de urbanismo:

  • Inda que o PXOM foi publicado e teñen os terreos de Xixalde, tal e como eles din, non moveron un papel.
  • Segue sen explicar cal é a garantía legal do documento sobre o que están traballando os informes das licencias
  • Que é o que pensan facer o PP sobre o Polígono da Cruz da Maceira, sobre a tramitación de Albariños, tramitación do solo urbanizable destinado ao xeriátrico, zonas residenciais do Rosal, edificabilidade dentro e fora dos 500m, etc…
  • Viabilidade económica do Plan Xeral, e pese que din que está en vigor, cun estudio económico deficiente despois dos recortes da secretaría xeral de urbanismo respecto a vivenda protexida ademais de que parte dos ingresos do PXOM viñan derivados dos chans urbanizables que neste momento non están en vigor. E polo cal, non ten defensa xurídica posible.

A delegada de urbanismo:

  • Que non sabe, non contesta e tampouco quere saber nin aprender…

O BNG ven denunciando unha disciplina urbanística máis laxa e selectiva tal e como promulgou o PP anteriormente estando na oposición e que ven demostrando e cumprindo dende Xuño de 2011. O BNG demostra esta sospeita con números de iniciación de expedientes de infracción urbanísticas e as resolucións das mesmas dende a alcaldía. Destacar que só se abriron 3 expedientes en 6 meses e 5 expedientes no último mes, após o último pleno no que o BNG se queixou por este tema. Tamén criticou que existe unha orde do goberno local de que a Policía Local deixe de atender as infraccións urbanísticas, cando son as persoas encargadas do cumprimento da lei e das ordenanzas municipais, e estas devanditas chamadas se deriven ao departamento de urbanismo facendo que a denuncia dun veciño non sexa atendida como debe.
As preguntas feitas son:

  • Se o goberno local ten unha política definida sobre esta situación que se está a dar
  • Si existe un diálogo entre os veciños e o goberno local para executar a disciplina urbanística tal e como ven defendendo o PP, este vaise a aplicar igual para todos/as ou só a algunhas persoas.
  • Nese mesmo diálogo que defende o PP sobre disciplina urbanística, tamén se vai a aplicar sobre as multas de tráfico.

A delegada de urbanismo:

  • Que non sabe, non contesta e tampouco quere saber nin aprender…

No turno de réplica, o BNG defende a xestión urbanística do anterior goberno local na que se facía cumprir a legalidade vixente. Tamén lle replica que non contestase a nada do que anteriormente se lle preguntou e fai referencia a que nese diálogo selectivo que ten o concello hai constancia nas diferentes parroquias de obras que non están cumprindo a legalidade urbanística.

A delegada de urbanismo:

  • A parte de dicir que non sabe, non contesta e tampouco quere saber nin aprender… Nun acto de demagoxia política, berrando, sen ter argumentos para defenderse do que lle estaba a preguntar o BNG; saca informes urbanísticos con nome e apelidos de persoas do BNG e de xente achegada, que sen ter coñecemento pleno do que estaba a falar, cunha información segada ademais de que as persoas que estaba a nomear estiveran presentes no pleno para poder defenderse de ditas acusacións.