Archive for Decembro, 2011

Pleno de Moaña do 01/12/2011

Como cada mes, e unha vez máis, temos os vídeos INTEGROS do pleno de Moaña na Canle de Youtube do BNG de Moaña. Desta vez correspóndense co pleno celebrado o día 01/12/2011, destacar neste pleno o cambio de actitude do Sr. Alcalde, José Fervenza, e dos concelleiros do grupo municipal do PP os que, ao contrario de como viña sucedendo ate o de agora, apenas interromperon as intervencións da oposición. Isto ven a demostrar que os vídeos de Youtube coas gravacións dos plenos chegaron aos ollos e oídos “dos de arriba”. Ao ver tal esperpento de sesións plenarias con insultos, interrupcións das palabras, non deixando falar cando se tiña solicitada a palabra, etc… e todo baixo a presidencia dun Sr. do Partido Popular que permite todo isto ademais, cando fala, parece que está facendo oposición e vez de gobernar.

Xa no punto 1, na aprobación da Acta da sesión anterior, houbo un debate sobre as ofensivas palabras que o Concelleiro do PP Ángel González lle adicou ao Portavoz do BNG X.M. Millán. O BNG solicitou que Ángel González se retractase e retirase a expresión de que se fose para Beluso, pero non só non a retirou se non que se reafirmou nela.

No punto 2 sendo resolucións da Alcaldía non hai nada destacable. O punto 3 é o debate sobre as resolucións e alegacións da modificación da ordenanza municipal do imposto de vehículos de tracción mecánica. Foi aprobada por unanimidade , incluíndo a Alegación do BNG que permite que aquelas persoas cunha minusvalía, que sendo donas e usufrutuarias do vehículo, non figurasen no Seguro como primeiro/a condutor/ra.

O punto 4, aprobación inicial do novo regulamento de usos e funcionamento da praza de abastos de Moaña. Foi aprobado, aínda que o BNG abstívose a espera de que no mes que seguinte se faga unha reunión da Mesa de Comercio de Moaña para tratar este asunto e se poidan facer as alegacións pertinentes, reservando o seu voto favorable para a aprobación definitiva.

O punto 5, moción do BNG para solicitar a comparecencia da Concelleira delegada de Urbanismo ante o pleno. A petición está xustificada en canto a dar explicacións sobre:

  • Publicación dunha versión mutilada do PXOM, sen facer ningunha reunión da comisión de seguimento.
  • Explicación sobre porqué, no tempo que levan gobernando, os expedientes de infraccións urbanísticas quedaron paralizados.
  • Porqué non se elaboran por sistema informes de inspección, e aqueles que si se fan non seguen a súa canle administrativa.

O punto 6 da orde do día é unha Moción do BNG sobre a anulación da Tarxeta Sanitaria no SERGAS. Así o grupo municipal do BNG ven a denunciar e a instar a Xunta de Galiza para a retirada do protocolo que desenvolve a orde do 5 de Setembro (posterior entrada en vigor o 29 do mesmo mes) polo cal toda persoa que, unha vez rematado o paro e quedando sen ningunha prestación económica, lle era anulada inmediatamente e sen previo aviso a súa tarxeta sanitaria quedando obrigadas a iniciar o trámite de PSR (Persoas Sen Recursos). Este trámite de PSR tende a durar entre 8 e 10 meses polo cal neste período as persoas non teñen dereito a asistencia sanitaria nin aos medicamentos da Seguridade Social, quedando obrigadas a firmar un compromiso de pago polas atencións sanitarias recibidas e a pagar calquera tratamento do seu peto. O Grupo Municipal do BNG, tamén insta a Xunta a restituír e devolver inmediatamente as tarxetas sanitarias retiradas as citadas persoas.

O grupo municipal do PP de Moaña considera que isto é unha mentira, que non está sucedendo así e bótalle a culpa a aquelas persoas que levan moito tempo sen usar a tarxeta, desactivaselle soa e non se dan de conta.
Queda aprobada a moción cos votos favorables do BNG e do PSOE e no que o grupo enteiro do Partido Popular vota en contra, pese a que o Sr. Alcalde fai un discurso botando as culpas ao goberno central, dicindo que queda demostrada unha preocupación pola corporación municipal e que hai que velar polos intereses dos veciños.

O punto 7 da orde do día, no que estaba programado rogos e preguntas, o BNG solicita a inclusión dun punto de urxencia. Así o punto introducido é unha moción de reprobación ao Sr. Concelleiro Ángel González pola linguaxe e os insultos que ven utilizando nos plenos e nas comisións informativas en contra do portavoz municipal do BNG X.M. Millán.
Foron votados favorablemente pola maioría do pleno tanto a súa inclusión na orde do día como a súa aprobación.

O punto 8, agora si o punto de rogos e preguntas, foron interpostas varias preguntas ao Sr. Alcalde por parte do grupo municipal do BNG.

  • María Martínez: Sobre os recortes en servizos sociais, nos que se pregunta que vai pasar coas 40 persoas de Moaña que estaban a recibir axuda a domicilio.
  • Libertad Cruz: Sobre os trámites levados a cabo para a creación dun banco de alimentos. Lembremos a preocupación do Sr. Alcalde por estas persoas e as diferentes mocións presentadas no pasado ao respecto.
  • Daniel Rodas: Sobre a tala indiscriminada do monte do Ramil
  • Coral Ríos: Sobre os usos da casa da Mocidade, que amosa un gran abandono tanto en limpeza e ao non existir programación para a mocidade ningunha.
  • Beatriz Riobó: Sobre que tipo de acordo, convenio ou autorización permitía adestrar no Campo Municipal de fútbol de Moaña a un clube de fútbol PRIVADO e de fora do Concello de Moaña. Esta equipa está pagando xa? Cando pensa modificar a ordenanza que autoriza os usos do campo?
  • Valentín Piñeiro: Cando pensa o Sr. Alcalde fraccionar o pagamento do IBI

Podemos ver no vídeo como se van eludindo unha a unha as preguntas, facendo demagoxia e escapando, as veces, con contestacións que nada tiñan a ver co que se estaba a preguntar.

Após as preguntas dos Concelleiros ao Alcalde e antes das preguntas do público, o Portavoz do BNG X.M. Millán lémbralle ao Sr. secretario e por unha cuestión de orde, que diga cando se da por rematado o pleno segundo o ROM. Ao cal aclárase que o pleno é rematado unha vez os concelleiros do Pleno Municipal usan a quenda de Rogos e Preguntas. Unha vez levantado o pleno o Sr. Alcalde pode ou non tomar en consideración as solicitudes de palabra das persoas do público para aquelas cuestións que queiran preguntar.

Despois desta última aclaración, comezan as preguntas do público. Podemos ver, que unha vez comezada a pregunta e cando realmente virou o sentido da mesma para facer un ataque descarado ao grupo municipal do BNG, este optou por erguerse e saír do pleno con malas palabras e insultos dos alí presentes. O BNG estaba no certo xa que, simplemente non existía pregunta e usouse a quenda de palabra para atacar a oposición, o máis grave e ver como o Alcalde pasa a quenda de palabra a seguinte sen tan sequera contestar ou comentar o que se estaba a dicir.