Archive for Outubro, 2011
Crónica do Pleno do 27/10/2011
O Pleno do día 28 de Outubro foi quentándose ao longo do seu transcurso. Comezou coa aprobación da acta da anterior sesión plenaria,resolución da alcaldía e a toma de posesión da nova Concelleira do BNG Coral Ríos.
Chegou o Punto 4 da orde do día, punto no cal se debatía unha moción do grupo municipal do Partido Popular onde se quería pedir un crédito ICO por unha suma total de 682.536,35€, o Partido Popular esqueceu nomear os 90.000€ de intereses a maiores que farían un total de 772.000€ de débeda real. Tamén esqueceu dicir que a maioría dos concellos rexeitan este Crédito debido aos altos intereses que hai que pagar (o 6.5%) tal e como se dixo nunha noticia do Faro de Vigo no mes de Outubro do (http://www.farodevigo.es/galicia/2011/10/24/concellos-rechazan-creditos-ico-ganar-liquidez-elevados-costes/591117.html) O único argumento esgrimido polo Concelleiro de Facenda do Partido Popular foi que se as facturas son cobradas xudicialmente con un interese do 8.5%, pero decidiu omitir o informe da Intervención e a Tesourería, cando na lexislatura pasada o Partido Popular estaba na oposición tíñao ben presente en todas as súas intervencións. O BNG comeza a súa intervención citando o informe no que a Intervención advirte, que se se aprobase esta liña de crédito, rompería o plan de saneamento do Concello (2010-2015), o cal fora aprobado polo anterior goberno para evitar unha situación de falta de liquidez e tendo en conta as posibilidades reais de ingresos e a situación de crise naquel momento. Este plan conseguiu reducir a débeda financeira do concello a día de hoxe a un 35%, fronte ao 90% atopado no ano 2003, cando o BNG chegou ao poder despois do desgoberno do Sr. Barreiro. Aprobar este crédito significaría elevar os gastos anuais nuns 260.000€ (xa que o crédito débese devolver en 3 anos) o cal podería crear un descuberto no concello de 320.000€ no ano 2012 de seguir cos presupostos prorrogados do 2011 e ao non ter ingresos suficientes. A falta de liquidez no concello e as obrigas do pago da débeda significarían deixar de pagar salarios de traballadores e as mesmas facturas que o Partido Popular quere pagar con este crédito. O que si pode facer o Partido Popular, e que non está a facer, é ir pagando estas facturas aos poucos, xa que o concello manexa aproximadamente 550.000€ mensuais. Por outra parde, o goberno municipal podería concertar a 2 de xaneiro de 2012 unha operación de tesourería a 1 ano por importe de ata 750.000 € e pagar sen problemas as facturas que agora quere imputar a esta liña de crédito. Iso si, terá que axustar o cinto e comprometerse a respectar o Plan de Saneamento. Pero o PP tiña outra cousa na cabeza: solicitou no mes de agosto unha operación de tesourería por 250.000 €; quería concertar agora un crédito por 770.000 € e en xaneiro tiña pensado solicitar outra operación de tesourería por 750.000 €: en seis meses, créditos por importe de 1.770.000 € e a vivir que son dous días…
Logo do debate entre o Concelleiro de Facenda e os Portavoces do BNG e o PSOE, o alcalde José Fervenza, lanza un discurso máis ben propio dun grupo da oposición. Un discurso demagóxico na súa gran parte. Acusando ao BNG e ao PSOE de crear paro en Moaña, dicindo medias verdades e usando notas de prensa escollendo frases en boca de Millán cando nada tiña que ver co que se estaba a debater.
O punto 5 sobre a representación na Xunta de Goberno do Padroado Beiramar apróbase debido a abstención do PSOE e BNG, non sen antes lembrarlle ao PP que NUNCA ANTES se tardara case 5 meses en constituír o devandito órgano de goberno do Padroado.
O punto 6, quizais o punto máis conflitivo, na que se debate a moción do BNG sobre o proxecto de distribución de auga aos núcleos da Fraga, Broullón, A Paradela e A Marrúa. O Concelleiro do PP Ángel González aproveita a súa intervención para facer demagoxia e atacar ao BNG, facendo un discurso máis propio da oposición que do goberno, co vial de subida aos Piñeiros. A reparación deste vial estaba comprometida polo anterior goberno da Xunta e coa chegada do PP a Xunta foi esquecida ata que grazas as xestións do anterior goberno municipal púidose acometer a súa mellora.
Após unha interveción do portavoz e concelleiro do BNG, Xosé Manuel Millán e por alusións, o Sr. Ángel González respóstalle con total impunidade que se marche a Beluso, e reitera as súas palabras en varias ocasións a pesar de que o alcalde intentou que se retractase e retirase as súas palabras ofensivas cara o Portavoz do BNG. Sen dúbida unha mostra de linguaxe barriobaixeira do actual grupo popular e da incapacidade do actual alcalde por ordenar o pleno da corporación.
O BNG interporá unha moción para recusar o Sr. González se non retira as súas palabras.
O punto 7, cunha moción do BNG para a revocación do acordo plenario no que o PP aproveitou a súa maioría pola falta de un concelleiro do PSOE sobre os nomeamentos a Mancomunidade do Morrazo. A proposta aprobada neste pleno anula o anterior acordo no cal os representantes soamente eran do PP cambiando a estes por un concelleiro de cada un dos partidos con representación no concello (BNG, PP, PSOE) e máis o alcalde.
O punto 8 é unha moción do PP na que simplemente lle recorda ao PP por parte do BNG e o PSOE que teñen que aprobala o 29 de Novembro.
O punto final, o nº 9, rogos e preguntas foi unha titiritada no que o PP cos seus adláteres Antonio Pastoriza, “O Rachador”, e José Barreiro usaron a súa intervención para facer oposición a oposición en vez de facer o rogo ou a pregunta. Dicir que as preguntas non se poñen por escrito por rexistro,se non que iso son os rogos. Pero a pesar diso, e dado que o alcalde tén telepatía, xa tiña preparadas as respostas nun papel.
O Partido Popular leva xa algunhas semanas utilizando esta táctica nos órganos municipais: ou quítalle o bozal ao dóberman Ángel González para que lles ensine os dentes aos concelleiros do BNG (aínda que despois teña que saír co rabo entre as pernas coma un canciño faldeiro) ou abre as portas do canil para sacar a ladrar a toda a súa “jauría”. Xa que o alcalde deixa de ser alcalde e non sabe manter a orde e o respeto á Corporación, TEREMOS QUE SER NÓS OS QUE LLES PAREMOS OS PÉS.
A CRISE, O SISTEMA E A SOBERANÍA // SI existen alternativas!
A CIG presentou en rolda de prensa a campaña “Si, existen alternativas! En defensa do emprego e dos servizos públicos” que rematará neste primeira fase cunha manifestación nacional o vindeiro 23 de Outubro as 12:30 na Alameda en Compostela. Con esta campaña á central sindical pretende enfrontar a falsa idea de que a única saída á crise pasa polos recortes sociais e laborais, pondo en valor que hai outras políticas posíbeis, mais que requiren rachar co modelo capitalista neoliberal.
