Archive for Marzo, 2011
O BNG segue a reclamar o remate do Paseo Marítimo de Domaio
A deputada no Congreso dos Deputados Olaia Fernández Davila presentou na Mesa do Congreso o parado día 08 de marzo, varias preguntas ao Goberno en relación co declarado pola Presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo. Concretamente as preguntas son:
¿Coñece a Dirección General de la Sostenibilidad de la Costa y el Mar, o proxecto de construcción das fases que quedan pendentes do Paseo de Domaio, no Concello de Moaña?
¿ Recibíu da Autoridade Portuaria de Vigo escrito no que se dá traslado á Dirección General de la Sostenibilidad de la Costa y el Mar da continuidade da execución das obras do referido paseo?, e si é así. ¿Respostou a Dirección General á Autoridade Portuaria de Vigo?. En caso contrario ¿Van respostar á Autoridade Portuaria de Vigo?.
¿Cal é a posición da Dirección General de la Sostenibilidad de la Costa y el Mar en relación co manifestado pola Sra. Presidenta do Porto de Vigo de que a execución e o financiamento das obras do Paseo de Domaio deben de ser a cargo da Dirección General? ¿Prevé a Dirección General de la Sostenibilidad de la Costa y el Mar a execución das obras que quedan pendentes deste paseo?, en caso negativo, ¿A qué se debería?
Respecto aos terreos que a Presidenta do Porto de Vigo dixo que se cedían á Dirección General de la Sostenibilidad de la Costa y el Mar ¿En que situación se atopan? ¿Estanse facendo xestións para levar a cabo a referida cesión?.
Con esta iniciativa dende o Bloque Nacionalista Galego pretendemos desenmascarar os argumentos peregrinos da Sra. Presidenta do Porto de Vigo a respecto da continuidade do Paseo de Domaio, ao que ela se comprometeu na inauguración da Primeira Fase.
Dende o BNG en Moaña lle facemos a seguinte pregunta:
Si nos terreos de Domaio non ten competencia a Autoridade Portuaria de Vigo, ¿A qué veu a Sra. Presidenta a inauguración acompañada do seu séquito e demais caciquiños locais?
O BNG esixe que os veciños do Morrazo non sexamos reféns das liortas entre o Alcalde de Vigo e a Xunta de Galicia
Dende fai tempo asistimos atónitos ao espectáculo que se traen na cidade de Vigo o seu alcalde e diversos cargos públicos representantes do partido da oposición na cidade, seguindo o método de “poñer pedras no camiño”, nunha batalla que vai subindo de tono e raia o espectáculo cómico a medida que se acercan as eleccións municipais.
Non obstante, a paralización das obras do emisario submarino que vai garantir o subministro de auga aos Concellos de Moaña e Cangas, xa pasa todas as barreiras que o sentido común pode aturar.
O proxecto dun segundo emisario submarino, foi unha inversión que dende os gobernos municipais dos dous concellos do Morrazo se logrou arrincar ao Ente Público Augas de Galicia, co anterior goberno da Xunta e que o goberno de Núñez Feijoo non foi quen de suspender, aínda que o intentou. Unha inversión de case 5 millóns e medio de euros que vai garantir o subministro de auga aos Concellos de Moaña e Cangas para moitos anos e que dende o BNG non estamos dispostos a que se dilate polas actitudes irresponsables de políticos dun e doutro bando xogando ás eleccións.
O BNG ven de pedirlle , tanto ao Alcalde de Vigo como aos representantes da Xunta de Galicia, que se deixen de “batallitas electoreiras”, pensen nos veciños e veciñas do Morrazo e se poñan a rematar unhas obras tan necesarias para o futuro do Morrazo. En definitiva, que uns e máis outros, deixen de usarnos como reféns das súas liortas.
Cea presentación da candidatura do BNG para as eleccións municipais
O BNG de Moaña vai celebrar, o sábado 2 de abril, unha cea de presentación da súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 2011.
A cea terá lugar no Pavillón de Reibón as 21:30 horas e nela falarán o Portavoz Nacional do BNG Guillerme Váquez e o Alcalde de Moaña e candidato do BNG Xosé Manuel Millán.
O menú consta de entremeses, Rodaballo Rias Baixas, Escalopes de tenreira con salsa de setas e pataca asada, Postre, Albariño, Rioxa e Ribeira Sacra, Café e chupito.
O prezo por persoa será de 20€. Para as nenas e os nenos menores de 12 anos o prezo será de 10€.
Os amigos e amigas do BNG que queiran participar poden facer a súa reserva de mesa nos teléfonos: 609.746.544 – 687.870.864 – 647.541.825 e, dende o día 28 de marzo, de 19:00 horas a 20:30 horas no 986.31.08.22.
Esperamos veros a todos e a todas.

O BNG solicitará unha convocatoria urxente do Consello de Ministros da Unión Europea para incrementar as cotas de pesca asignadas a nosa flota
O BNG ven de manter, hoxe sábado, unha xuntanza co sector da pesca da baixura da Comarca do Morrazo para analizar a grave problemática na que está inmersa esta flota como consecuencia das últimas asignacións de cuotas por parte da Unión Europea. Unha política de cuotas que, de non corrixir esta situación, terá como consecuencia a desaparición da flota de baixura nun breve espazo de tempo. Co actual reparto de cotas, a flota do cerco leva amarrada desde o pasado luns e a flota do arrastre-litoral está a punto de ter que amarrar.
No é admisíbel que á reunión do Consello de Ministros da Unión Europea, celebrada en decembro do pasado ano, asista a defender os intereses da nosa flota un representante da Comunidade Autónoma de Estremadura. Isto pon de manifesto, e xa non é a primeira vez, o escaso, por non dicir nulo interés, que para o goberno do Estado Español ten a nosa pesca. Recordamos que ao remate daquela reunión tanto os representantes do goberno español como os representantes do goberno galego calificaron de éxito e “satisfactorias” os resultados das negociacións.
Na reunión de hoxe, na que estiveron presentes Daniel Rodas, Deputado Provincial e Concelleiro de Medio Ambiente no Concello de Moaña e Bieito Lobeira, Deputado no Parlamento Galego, os representantes do Bloque fixéronse partícipes da indignación e malestar do sector e puxéronse a súa disposición para empezar a promover e propoñer medidas encamiñadas a reconducir esta situación.
Algunhas destas medidas pasan, entre outras e de maneira urxente, por solicitar a convocatoria urxente dun Consello de Ministros da Unión Europea para incrementar as cotas de pesca asignadas a nosa flota. Demandar a presenza de Galiza nesas negociacións, elaboración de estudos científicos que fundamenten a existencia de stocks suficientes, e mellorar e desenvolver os mecanismos de consulta e traslado de información entre as administracións e os afectados.
