Archive for Decembro, 2010

O BNG de Moaña oponse ó Anteproxecto do PP para a futura Área Metropolitana

O BNG de Moaña ven de  facer unha moción que foi aprobada no pasado pleno do día 28 de Decembro  na que se expoñen ós e ás veciños e veciñas de Moaña as causas que fan imposible o apoio do Grupo Municipal  do BNG ó anteproxecto de Área Metropolitana que o Partido Popular pretende levar a cabo.
Entre os motivos fundamentais podemos nomear;
1º.-  A Xunta de Galicia ven de anunciar a presentación do Anteproxecto de Lei de creación da Área Metropolitana de Vigo que ten  por obxecto e natureza a creación da área metropolitana de Vigo e o regulamento da súa organización, competencias e financiamento.

2º.- É o resultado dun proceso no que non houbo concertación nen consenso xa que na elaboración de dito anteproxecto non tiveron unha participación efectiva e real os concellos afectados, limitándose o Goberno galego ao establecemento de contactos mediante persoal técnico, pero sen nengún encontro de traballo no plano político, limitándose a posterior a un convite de alcaldes e alcaldesas e outras personalidades para facer unha presentación mediática e sen convidar ao conxunto das corporacións locais.

3º.- Examinado o contido de dito anteproxecto, desprendese que é unha proposta que non responde ás necesidades de vertebración dun espazo xeográfico funcional de feito en base as seguintes cuestións:
a)    Non obedece a unha reforma da estrutura institucional local galega, no camiño da racionalidade e austeridade no gasto público e dirixida a configurar un novo mapa institucional local que adecúe os entes locais á nosa realidade e permita superar a actual delimitación provincial e ás propias Deputacións provinciais.
b)    Non é a formulación mais acaída nin desde a perspectiva da súa función política, nin da súa racionalidade e eficacia administrativa, nin tampouco da súa adecuación á realidade territorial na que pretende asentarse.
c)    A súa implantación representa unha duplicación do entramado institucional fronte a racionalidade das distintas estructuras da administración existentes.
d)    Representa un incremento na carga impositiva á cidadanía que reside no ámbeto xeográfico que abarca.
e)    Non define o necesario traspaso á Área das funcións e atribucións que ten a Deputación provincial.
f)    Non contempla a necesaria autonomía financeira medianta as achegas económicas precisas por parte da administración autonómica nen da Deputación provincial.
g)    Non define dun xeito claro e conciso as competencias que pode desenvolver supeditándoas a un proceso de desenvolvemento futuro.

Por todo isto, o que o BNG solicita é:
1)    Impulsar a reforma da lexislación básica en materia de réxime local, de xeito que resida no Parlamento Galego a capacidade plena sobre o deseño institucional e administrativo das entidades locais de Galiza

2)    Impulsar a instauración progresiva dun novo esquema institucional local que que supoña unha redución das estruturas burocráticas, que conterá os seguintes fitos:
a.    Redución das atribucións e funcións das Deputacións Provinciais, mantendo –entanto non se aborde a necesaria reforma constitucional- exclusivamente as relacionadas coa asistencia a municipios.
b.    Traspaso das funcións e servizos das corporacións provinciais á Administración galega e aos concellos.
c.    Institucionalización definitiva das comarcas e áreas metropolitanas como entes territoriais supramunicipais asumindo a xestión comarcal das competencias das Deputacións Provinciais.
3)    Retomar os traballos desenvoltos ata o de agora para a creación da Área Metropolitana de Vigo mediante a participación de todos os concellos implicados na proposta inicial, e garantindo un proceso de concertación e consenso para acadar a proposta mais acaída para esta área xeográfica.

E isto ¿por que?, pois por custións tan sinxelas como que non resolvería ningunha das eivas que padecemos no noso Concello, podendose dar o paradoxo de que as institucións con competencias actualmente en materias como  Transporte, Xestión da Auga, Mantemento de Estradas… poidesen descargar as competencias sobre a Futura Área Metropolitana sen dotala de maior financiación e medios, o cal repercutiría directamente na calidade do servizo e nun aumento da carga impositiva sobre os veciños e veciñas. E en temas tan importantes para Moaña, como pode ser o trasnporte Metropolitano, nin sequera se podería integrar este modelo por seguir en vigor concesións e rutas que declaran as súas cabeceiras fora do ámbito metropolítano.
O BNG quere unha Área Metropolitana útil e eficaz, para o cal é preciso o diálogo e o consenso entre todas as administracións implicadas de igual a igual, e non asoballando e impoñendo do xeito ó que nos ten xa acostumados o Partido Popular.
Podemos falar, pero non tragar calquera cousa que nos queiran impoñer cun claro afan electoralista. Somos responsables do presente, pero tamén do noso futuro, e dende logo, pediránse responsabilidades no caso de que este anteproxecto sexa aprobado  empregando o «rodillo» do PP.

Presentouse a lista cos dez primeiros candidatos do BNG as eleccións de 2011.

O BNG de Moaña ven de presentar o pasado venres 17 de decembro na Asamblea Local ós/ás candidatos/as do primeiro tramo da lista que concorrerá as eleccións Municipais que se celebrarán o vindeiro 22 de maio.

A lista será liderada por Xosé Manuel Millán, que seguirá estando acompañado dos demais compañeiros/as do BNG membros da actual equipa de Goberno Municipal, dando así continuidade a importantísima labor tranformadora que o BNG está a levar no noso Concello dende hai 8 anos.

Ademais desta continuidade, súmanse o proxecto do BNG caras novas que aportarán novos pulos e xuventude, así, varían os postos con respecto ás últimas eleccións, incorporando no segundo posto da candidatura a María Martínez Nogueira, unha moza veciña de Meira, Licenciada en Bioloxía e Mestra de Secundaria. No nº 3 segue Diego M. Riobó Martínez Licenciado en Psicopedagoxía e actual Concelleiro de Cultura e Ensino.A continuación no nº4 Beatriz Riobó Rouco, Administrativa e actual Concelleira de Deportes e Mocidade. No nº 5 Valentín Piñeiro González Traballador Municipal e actual concelleiro de Urbanismo. Séguelle no nº 6 Libertad Cruz Couso, Auxiliar de Clínica e actual Concelleira de Igualdade e Servizos Sociais. No nº7 Daniel Rodas Chapela, Funcionario e actual Concelleiro de Medio Ambiente e Mar. Outra das novas incorporacións ós primeiros postos atopámola no nº8 Coral Ríos Santomé, empresaria. Repite nas listas da candidatura, nesta ocasión no posto nº 9 Odilo Barreiro Martínez, mestre no colexio de Abelendo, e no nº 10 outra cara nova, Araceli Gestido Rodríguez, da Ameixoada, licenciada en Ciencias Políticas.

Esta é unha candidatura formada por xente activa e participativa, unha combinación de experiencia e caras novas que aseguren a continuidade do traballo que se ven facendo, e que ten unha boa aceptación entre a veciñanza moañesa. Unha candidatura que representa ós e ás moañeses/as de a pe, sen mais aspiracións que poñer o seu traballo ó servizo dos veciños/as.

 

10primeiros2

Odilo Barreiro, Coral Ríos, Valentín Piñeiro, María Martínez,X.M. Millán, Beatriz Riobó, Diego Riobó, Libertad Cruz, Daniel Rodas e Araceli Gestido.