Actualidade do BNG de Moaña Neste espazo poderás seguir as novidades, calendario de actividades e actualidade en xeral que se produzan no entorno do BNG de Moaña

Arquivo de Maio de 2010

125 camelia para Moaña. Artigo de María Pilar García Negro en Xornal (04/05/2010)

Xoves, 6 de Maio de 2010

2010050319571684169Foi en Moaña, no derradeiro día de Abril. A Comisión Comarcal das Mulleres do BNG, con Modesta Rioboo ao frente, organizou un acto de homenaxe á escritora inaugural da literatura galega que titularon “125 camelias para Rosalía de Castro”, no ano en que se cumpren 125 do seu falecemento. Chama a atención que a cultura “oficial” (se é que cabe chamar a algo así) ou, ao menos, a que pagamos todas e todos, omite calquer celebración ou recordación que permita sentar o seguinte: somos un povo; temos historia colectiva; ela, esta historia, é específica e non apendicular do planeta español; conta con elementos de forte significación material e simbólica, marcantes de modernidade, moito máis avanzados dos que á forza se nos impuxeron como mestres de progreso e de innovación. Afortunadamente, contamos cunha “outra” cultura, como evidencia este acto de Moaña que estou a gabar. Foi espléndido por varias razóns. En primeiro lugar, por non se limitar a unha conmemoración ritual ou “burocrática”, senón por implicar actores moi diversos. En segundo lugar, por concitar e manter a atención do público que ateigou o Centro Sociocultural “Daniel Castelao” durante dúas horas longas. En fin, porque demostrou con feitos que todas as artes son amigas, como querían os clásicos, e, destarte, houbo música, poesía, discurso, arte floral, imaxes…

Laura Almuíña compuxo magníficos centros de camelias que decoraron o escenario e eran mostra vizosa das duascentas variedades desta fror que cultiva na súa plantación. Xavier Blanco descobriunos a maxia dunhas músicas executadas con instrumentos ancestrais, tan vellos como os traballos a eles vinculados, no campo e no mar; por certo, fusión perfeita para unha poesía como a de Rosalía que eleva o popular á categoría de arte superior e merecente dunha épica dignificada. O grupo Donairare agasallounos con pezas tradicionais da mellor factura. Antía e Sara Pérez Davila, intérpretes de violino, executaron perfeitamente temas coñecidos da tradición musical galega, varios deles baseados en poemas rosalianos. Poemas da autora foron recitados nas voces de Antía Cal; Asunción Sóñora; Xosé Mª Álvarez Cáccamo; Asunción Estévez; Héitor Mera; Ana Blanco Cancelas; Rubén Aramburu; Rosa Estévez; X. Daniel Costas; Cristina González Piñeiro; Iria Aboi; Asunción Veloso; Marica Campo; unha servidora. Fago citación completa para que se comprobe a variedade de dedicacións, idades e profisións. Rendo homenaxe aquí á forza e entusiasmo de Antía Cal, con 87 lúcidos anos, a nos animar a todas e a todos a proseguir neste camiño de coñecemento e de autoestima colectiva, camiño que ela iniciara xunto a seu home, Antón Beiras, grazas a quen tivo a obra completa da escritora. En tal atmosfera, figúrense a honra que para min supuxo falar a todos os presentes da potencia e transcendencia da obra rosaliana, mesmo que, por mor da necesaria síntese, fose a golpe de “pinturas” de groso trazo…

Parabéns ás organizadoras, benia a todos os asistentes!

www.bngmoana.org BNG Bloque Nacionalista Galego en Moaña se precia de funcionar con WordPress . Tradución de egalego.com
Entradas (RSS) e Comentarios (RSS).