MANIFESTO A PROL DO NOVO HOSPITAL PÚBLICO DE VIGO

manifestacion25marzo A atención hospitalaria para os máis de 600.000 habitantes que viven na Área Sanitaria de Vigo comezou a ser deficitaria nos anos 80 cando, coa inauguración do Hospital do Meixoeiro, constatouse que este xa era insuficiente para atender a toda a poboación que non podía ser atendida no Hospital Xeral.

Dende entón os partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais e colectivos integrados na Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública iniciamos a demanda dun Novo Gran Hospital para a Área Sanitaria de Vigo, que rematase coa dispersión da atención en catro centros (un deles privado) con recursos insuficientes e que non daban resposta ás necesidades da poboación dunha das zonas máis puxantes tanto social como economicamente de toda Galiza.

Despois de moitos avatares o anterior goberno da Xunta de Galiza deu os pasos necesarios para dar satisfacción a esa demanda de toda a cidadanía e asumiu a construcción do Novo Hospital, realizándose o proxecto arquitectónico e consensuando con todos os colectivos e profesionais un plan funcional para a posta en marcha do Novo Gran Hospital.

Esta nova infraestructura sanitaria ía contar con 1.465 camas, o que permitía atender a toda a poboación da área, incorporaba recursos de alta tecnoloxía sanitaria como centro investigador e ía a ser centro de referencia para patoloxías como o cancro. Este hospital evidentemente era público e os cartos para o seu financiamento estaban na Sociedade Publica de Investimentos (SPI).

Fálase de financiamento e xestións privadas, de reducción de camas, de modelo multihospital, de varias portas de urxencias, de manter concerto singular con POVISA, pero en ningún momento se fala de Hospital de referencia, con altas prestacións, onde sexa atendida toda a poboación da Área Sanitaria de Vigo.

A fórmula de financiamento privado supón unha hipoteca que vai lastrar a capacidade de novos investimentos nos vindeiros anos e por en mans do capital privado a nosa saúde.

Desde O Morrazo, como unha das zonas afectadas por esta situación, máis aínda cando o noso hospital de referencia é privado, instamos á Xunta de Galiza que a financiación do novo Hospital de Vigo sexa totalmente pública. Ademais, o número de camas debe manterse no previsto polo anterior goberno, para atender a toda a poboación da Área Sanitaria de Vigo.

Este novo Hospital debe estar dotado de todos os servizos, mantendo o seu caracter estratéxico e a dotación prevista para a unidade de investigación. Ademais, debe configurarse como hospital oncolóxico de referencia para todo o sur de Galiza.

Deste xeito, queremos manifestar o noso apoio a todas as accións que está a desenvolver a plataforma para a defensa da sanidade pública e fai un chamado especial a participación na manifestación do 25 de marzo, as 20,00 horas dende o cruce da Vía do Norte, en Vigo.

Moaña, 22 de marzo de 2010.

BNG MOAÑA

Comments are closed.