¿TEREMOS FISIOTERAPIA EN MOAÑA?

A loita pola mellora sanitaria en Moaña tomou pulo ala polo 1999 da man do BNG. Unha loita con obxectivos concretos: unha piscina municipal, un centro de saúde e, con carácter inmediato, dotar a Casa do Mar duns servizos mínimos en tanto aquel non sexa realidade.

A piscina municipal, os terreos para o centro de saúde, a ambulancia medicalizada, o ascensor  ou a supresión de barreiras arquitectónicas na Casa do Mar e, nos últimos tempos,  a dotación dun servizo de fisioterapia e odontoloxía cos seus orzamentos, asignación de persoal e posta a disposición do Sergas do local esixido  para empezar a funcionar xa. Todo este resultado é froito dun traballo constante e cheo de complicacións e dificultades.

O 4 de abril do 2009, no pleno extraordinario sobre sanidade houbo un acordo unánime de todos os grupos políticos, PP e PSOE,  con dous compromisos concretos :

- O Concello porá a disposición do Sergas un local para fisioterapia e odontoloxía.

- O Concello xestionará o uso sanitario dos locais da Casa do Mar.

Como dicíamos, dende aquela o Concello púxose a traballar na procura destes dous obxectivos.  Froito dese traballo empezouse a tramitar un proceso que deu como froito a consecución dos locais para fisioterapia e odontoloxía na rúa Don Donato.

A falla de poucos meses para a posta en marcha destes locais un novo anuncio semella retrasar todo de novo. O responsable do Sergas acaba de “suxerir” ao Concello de Moaña que deixe sen efecto a sinatura do contrato de alugamento dos locais da rúa Don Donato que ían acoller as consultas de Fisioterapia e Odontoloxía. As xestións do PP ante a Consellería abren “unha nova alternativa” cuxos trámites se poñen en marcha: a prestación destes servizos na Casa do Mar.

De principio, nada teríamos que obxectar: aforro de alugamentos, concentración de servizos, pero…

Porque esperaron tanto? Porque non empezaron os trámites fai un ano? Danse conta que isto pode supor, na práctica un retraso de mais dun ano para a posta en marcha destes dous novos servizos? Por aforrar cartos ó Concello de Moaña? Non. O Sr. Fervenza o que persegue é unha foto máis pensando no 2011, por puro oportunismo, contando con apuntarse un tanto fora de tempo, nun partido xa xogado duramente por outros e pondo en perigo un servizo tan necesario e demandado que pode estar funcionando en cuestión de poucos  meses.

Por tanto pregámoslle o Sr. Fervenza que, se quere facer un favor os moañeses e moañesas, cumpra cos acordos aos que se comprometeu fai un ano, co seu partido xa na Xunta; acordos, respaldados pola Plataforma da Sanidade, que entendía que o déficit asistencial abrangue tamén a cirurxía menor, as citoloxías, a matrona, ao pediatra, a instalación de aparatos de banda ancha sen instalar por falla de espazo, e que estes servizos poderían prestarse nas zoas INFRAUTILIZADAS da Casa do Mar, sen esquecer os fins de carácter social non sanitarios para os que foi creada esta instalación e que  tamén teñen un importante número de  usuarios.

O PSOE  de Victor Pastoriza  sufre o síndrome dos partidos que despois de ter nas súas mans a posibilidade de resolver estes problemas  durante  catro anos, e non o fixeron, agora non son que de ser valentes e apostar ó máximo para Moaña: dispoñer xa de todos os servizos sanitarios que nos merecemos onda sexa, ata que o Centro de saúde  poida ser unha realidade. Prefiren  xogar a nadar e gardar a roupa. Coma sempre.

OS DOUS PUNTOS do acordo plenario son  perfectamente compatibles entre si, e así se votaron, e non vale vir agora coa substitución dun por outro, non nos dean un polo prezo de dous. E non esquezan que o salón de actos e a biblioteca tamén son necesarios.

Por unha vez, sumen; non resten por puro interese electoral.

Etiquetas: ,

Os comentarios están pechados.

www.bngmoana.org BNG Bloque Nacionalista Galego en Moaña se precia de funcionar con WordPress . Tradución de egalego.com
Entradas (RSS) e Comentarios (RSS).