Archive for Agosto, 2009
A GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO NO ENSINO OBRIGATORIO
O BNG de Moaña considera inaceptábel a supresión da gratuidade universal dos libros de texto que se tiña implantado polo goberno anterior e que se viña aplicando con resultados positivos en todo o tramo do ensino obrigatorio.
O goberno do PP ven de botar por terra o sistema de préstamo establecido até agora e lexisla un novo sistema de axudas en función da renda familiar que so establece a gratuidade para un 25 % das familias con fillos en idade de escolaridade obrigatoria.
A nova medida comezará nos dous próximos cursos para 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial. No curso 2011-12 sumaranse 1º e 3º da ESO, para pasar a cubrir todos os niveis a partir do curso 2012-13. Polo tanto o programa actual de gratuidade irá desaparecendo paulatinamente durante a implantación do novo sistema.
Sorprende que o PP trate de xustificar a medida atacando o sistema anterior por “ser excesivamente caro” cando non ten ningún escrúpulo á hora de subvencionar con cartos públicos a centros educativos de ideoloxía relixiosa ultraortodoxa que segrega ao alumnado en función do seu sexo.
É esta unha medida moi regresiva que ataca directamente ao carácter público e gratuíto do ensino. Para o BNG o ensino, entendido como servizo público, debe manter a cobertura universal da gratuidade dos libros de texto en todos os niveis de ensino obrigatorio.
É inadmisíbel que o sr. Conselleiro de educación queira xustificar a medida aludindo á situación de crise actual, xa que a mesma situación require de maior apoio económico ás familias, todo o contrario do que a medida supón.
Ante isto cabe preguntarse: Que será o próximo? Teremos que acudir ao SERGAS e en función da renda teremos que pagar as gasas, o antiséptico e o esparadrapo?
Para o BNG de Moaña a medida denunciada inclúese nos recortes educativos e sociais que o goberno do Sr. Feijoo está a aplicar nestes primeiros meses, eliminando todos os avances que se tiñan conseguido até o momento actual.
Persoeiros do Grupo Municipal do PP quítanse a careta no último Pleno.

No último Pleno da Corporación Municipal celebrado o 14 de agosto, donde quedou aprobado inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal, por unanimidade dos grupos, algúns persoeiros do Grupo Municipal do Partido Popular desenmascaránronse e deixaron ao descuberto os verdadeiros motivos do seu «amor e entrega á política».
Os concelleiros, Nahur Currás, Angel Gonzalez e José Fervenza, levantáronse dos seus escanos, según eles «por hixiene democrática» e manifestaron que non participarían na votación pois tiñan intereses urbanísticos.
Falso discurso, pois si ben a Lei de Procedemento Administrativo no seu artigo 28 fala da obrigación das autoridades e do persoal da Administración de absterse nos asuntos donde teñan intereses directos, non é só no momento da toma de decisión e polo tanto no momento de votar, a Lei dí que deben asbterse no PROCEDEMENTO e polo tanto, si tanto lle preocupaba a »hixiene democrática» estes tres persoeiros deberon de absterse de participar no debate do Plan Xeral, pero Fervenza, lonxe de preocuparlle a «hixiene democrática», participou e mesmo reivindicaba na prensa a convocatoria da comisión de seguimento do PXOM. Unha mostra máis do cinísmo e da falsa moral da dereita cavernícola.
En definitiva, os moañeses e moañesas non sabemos o que pensa o Partido Popular do Plan Xeral ou si hai tres Partidos Populares opinando:
Un, o dos tres que votaron a favor; dous os que teñen intereses urbanísiticos privados e tres; a concelleira que non asistíu e que non se sabe si non puido ou non lle interesaba o asunto.
Estrada Moaña-Berducedo, o PP na Deputación vota en contra da súa mellora
O pasado día 22 de xullo dábamos conta aquí da moción presentada polo Deputado Provincial Daniel Rodas, que en definitiva propoñía :
1º.- Que se inclúa a cantidade de 2.000.000 euros para completar a urbanización do vial provincial EP-ll O1 da Moca a capela dos Miragres (O Piñeiro), con cargo aos fondos reservados no orzamento da Deputación Provincial para o acondicionamento dos seus viais.
2º.- Que se remita de forma inmediata unha proposta de convenio ao concello de Moaña que recolla a actuación na totalidade do vial coa súa programación anual de execución.
O Partido Popular e o Sr. Louzan votaron en contra destas propostas, deixando ao descuberto que non teñen pensado para nada mellorar os viais da súa competencia en Moaña, deixando en evidencia ao Sr. Fervenza e demais persoeiros do PP de Moaña.
Mentras tanto, o Concello de Moaña, xa rematou as obras de ensanche e urbanización no tramo dende As Barxas até a Moca.
¿Para cando teñen pensado seguir o exemplo os Sres.do PP? ¿Que excusas poñeran agora?
