
Os parlamentarios nacionalistas denuncian que no caso de Moaña “séguese recortando o servizo” e critican as últimas declaracións do conselleiro Agustín Hernández
Os deputados nacionalistas lembran que a iniciativa do BNG transccionada no Parlamento de Galiza cos outros grupos instaba á Xunta a que antes do 3 de decembro de 2009 realizase as modificacións legais necesarias para evitar a “desaparición, redución de frecuencias, ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan”.
A realidade é que o servizo segue reducíndose
Sen embargo, os parlamentarios do BNG denuncian que “no caso de Moaña segue suprimido o servizo de transporte marítmo as fins de semana e os festivos; os barcos saen cada hora os días laborábeis, xa non cada media hora, e a empresa navieira mantén a ameaza de supresión total do transporte unha vez rematada a campaña de verán”.
Declaracións do conselleiro Agustín HernándezNeste sentido, denuncian que “a incertidume social vai en aumento co paso do tempo e non existen, ou non se coñecen, indicios que permitan albiscar unha saída positiva ao actual estado de cousas”.
A este respeito, os deputados do BNG consideran “máis grave aínda que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmase que `non se pode subvencionar o billete -a través do correspondente convenio- se non se incrementa o número de usuarios”.
A estas declaracións os parlamentares nacionalistas sublíñanselle ao conselleiro que “por moito que non entre nos parámetros do PP a aposta por una modelo de transporte público, intermodal e colectivo, como é o de ría, é deber da Xunta acometer o mandato do Parlamento do pasado 17 de xuño, no sentido de acometer todas as accións necesarias en defensa da existencia, calidade e futuro do transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras na ría de Vigo”.
Ante esta situación, os deputados do BNG pregúntanlle á Xunta de Galiza polas vías de comunicación que teñen coa Unión Europea para darlle saída legal ao conflito existente e, en concreto, polas modificacións lexislativas que porán en marcha á luz do novo Regulamento comunitario a fin de restablecer a declaración do transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo como servizo público de titularidade da Xunta.
Por último, demándanlle á Xunta que confirme se as moficacións legais entrarán en vigor antes do 3 de decembro e que concrete as medidas que vai poñer en marcha para evitar a desaparición, redución de frecuencias ou degradación das condicións de transporte que se viñan prestando.
Etiquetas: BNG, parlamento, transporte de ría