O PP segue a defender os intereses privados sobre os públicos

galescola1

Unha vez máis o PP de Moaña convértese en avogado dos intereses privados contra os públicos do concello e de todos os moañeses e moañesas.
Agora é o caso do arrendamento da Casa Pazó, onde se están executando as obras para dotar a Moaña da primeira gardería infantíl pública.
O Concello aprobou a fins de 2006 un contrato de arrendamento coa promotora “Islas Atlánticas, S.L.” para dispor da casa e 1.000m2 de finca durante 25 anos, en tanto non se desenvolva o Plan Xeral de Ordenación Municipal nese ámbito, posto que está previsto que pase, xuntamente con outros 4.000 m.2 a ser propiedade municipal. O acordo foi tomado unanimemente polo Pleno da Corporación, co voto favorable do PP (cando o hooligan Pepe Fervenza aínda non estaba, claro).
A empresa promotora, por motivos nada claros, pretende impugnar agora o contrato, argumentando o seu fundamento en incumprimentos e reclamando un aluguer de 6.000 euros ao mes! Quen sae a defender esta pretensión da promotora?… Pepe Fervenza e os seu mariachi !
Non queren piscina municipal, non queren paseo de Domaio, non queren a reformada rúa Daniel Castelao…. e agora tampouco queren a gardería municipal. Ademais de dicir non a todo, a estes hooligans o que lles vai é apoiar sempre a quen pretende lucrarse a conta do concello e de todos os veciños e veciñas, coma toda a vida.
O contrato asinado con “Islas Atlánticas S.L.” é plenamente válido. Foi libremente consentido por ambas as dúas partes. Está sendo cumprido a carta cabal polo concello en todas as súas estipulacións e foi asinado en documento administrativo como recolle a súa famosa “cláusula 17″ que Pepe Fervenza non é capaz de ler, e polo tanto de entender.
Abonda xa de tanto descaro !  Abonda xa de tanta falsidade e de apuntarse a calquera bombardeo con tal de facer dano e tentar impedir o avanzo do noso Concello !
Hai moitas obras en marcha e moi importantes como para o que o PP as poida parar e dende logo, pese a Pepe Fervenza, Moaña contará coa Gardería Infantíl que precisa.

Comments are closed.