Archive for Maio, 2009
Moaña volve a contar con BANDEIRA AZUL

A Unión Europea volve a ter en conta o traballo que dende o goberno municipal se está a facer pola mellora do medio ambiente no noso concello e voltou a conceder , un ano máis, o distintivo de Bandeira Azul a Praia do Con. Esta distinción , así como a recuperación ambiental da praia da Xunqueira, a mellora da calidade das augas na ensenada de Moaña, os roteiros do rio da Fraga, de Rialdarca, da Costa de Tirán e do rio Miñuouva, van conformando a posta en práctica dunha política encamiñada a recuperar e poñer en valor o noso entorno natural.
Noraboa a todos os moañeses e moañesas, pois é obra de todos e todas.
PROPOSICIÓN NON DE LEI DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO SOBRE O TRANSPORTE MARÍTIMO.

- Bieito Lobeira e Uxío Piñeiro na presentación da proposición non de lei de transporte marítimo
O grupo parlamentar do bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa dos seus deputados Bieito Lobeira Domínguez e Henrrique Viéitez Alonso e da súa deputada Mª do Carme Adán Villamarín, ao abeiro do regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei en Comisión, relativa á adopción de medidas para o restablecemento da declaración de servizo público da titularidade da Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na Ría de Vigo.
O transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/ Vigo- Moaña e Cangas-Vigo / Vigo-Cangas) víñase regulando a través da Lei 4/1998, do 9 de Abril, de declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, até que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 9 de Marzo do 2006, non recorríbel, declarou a súa incompatibilidade co Regulamento (CEE) nº 3577/92 do Consello, de 7 de Decembro de 1992, ou noutras palabras, co que a Unión Europea ven denominando o principio de “libre competencia”.
O impacto desta decisión comunitaria foi moi importante, e prexudicial do punto de vista político, económico e social. Político, porque se entremetía claramente, e evadía, as competencias exclusivas de Galiza neste ámbito téndose que elaborar unha nova norma (Lei 2/2008 o 6 de Maio) para se adaptar ao mandato da UE. Económico, porque impuña un modelo neoliberal, lonxe das necesidades sociais e fundamento no beneficio económico empresarial nun contexto de “libre competición”, primando o capital por enriba dos intereses populares. E social, o máis grave, en canto ás consecuencias prácticas, porque degradou o servizo (en frecuencias, especialmente grave no caso de Moaña) e ameazaba o seu futuro garantíndose unicamente as viaxes ás Illas Cíes con finalidade evidentemente turística.
Neste contexto preocupante, a Comisión Europea ven agora a lle confirmar ao Goberno de Galiza, logo da correspondente consulta de Dirección Xeral de Transportes, que o novo Regulamento (CE) 1370/2007, abre a posibilidade de que o transporte marítimo entre O Morrazo e Vigo sexa considerado servizo público.
Isto significa que a partires do próximo 3 de Decembro deste mesmo ano, no que estará en vigor o novo Regulamento (artigo 12), a Xunta de Galiza poderá establecer un servizo de transporte público marítimo entre Cangas /Moaña e Vigo, a diferenza do que impuxo no seu día a devandita sentenza da Unión Europea. Cumpre pois, con carácter de urxencia, impulsar en Galiza o procedemento administrativo orientado a este obxectivo.
Non se pode esquecer que a realidade socioeconómica da Comarca do Morrazo fai que un número moi importante de persoas teñan que se desprazar a Vigo por motivos de traballo, estudo, acceso a servizos sanitarios, administrativos, actividades culturais ou de lecer, etc., polo que o transporte marítimo ten un carácter absolutamente estratéxico dentro do fluxo de mobilidade de comarca.
Alén desta necesidade obxectiva, o novo Regulamento UE dispón dunha serie de condicións que se adaptan perfectamente á realidade do transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo.
Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) a presentar a seguinte Proposición non de lei:
O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a:
- Por en marcha e axilizar o procedemento administrativo que permita restablecer a declaración de servizo público de titularidade de Xunta de Galiza do transporte público marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo (tramos Moaña-Vigo/Vigo-Moaña e Cangas-Vigo/Vigo-Cangas) para a súa entrada en vigor inmediatamente despois do 3 de decembro de 2009, coincidindo co Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello.
- Elaborar con este motivo un novo Proxecto de Lei para a súa tramitación parlamentar.
- Definir un modelo público e /ou consorciado para a empresa que desenvolva a prestación do servizo de transporte marítimo de viaxeiras e viaxeiros na ría de Vigo.
- Adoptar, con carácter urxente, medidas conveniadas coa empresa que na actualidade presta este servizo que eviten a desaparición, redución de frecuencias , ou degradación das condicións de transporte que actualmente se prestan.
Europeas -09 MITIN DO BNG EN MOAÑA

Xoves, 28 de Maio, as 20:30h. Centro Cultural Daniel Castelao. Quintela.
Intervirán:
Xosé Manuel Millán Otero
Montserrat Prado Cores
Alfredo Suarez Canal
Pese ao PP, XA SE REINICIARON AS OBRAS DO PASEO MARITIMO DE DOMAIO

Pese ao Sr. Fervenza e o PP, que unha vez máis antepoñen os intereses privados dos seus «amigos» aos dos veciños e veciñas, as obras do Paseo Maritimo de Domaio, xa se reiniciaron.
Noraboa aos veciños e veciñas de Domaio que coa súa actitude desenmascararon aos peóns do PP e defenderon a continuidade dun proxecto que foi froito do consenso e da participación veciñal.
Agora só queda que o PP deixe de poñer pedras no camiño e as obras rematen canto antes para poder pasear á beira da Ría, polo Paseo Marítimo que Domaio se merece.
Seguimos a cambiar Moaña, dende a Xunqueira xa se vé o mar.
As obras de recuperación do borde litoral na Praia da Xunqueira seguen a bó ritmo. Unha vez retirado o campo de futbol municipal. Dende o paseo da Xunqueira xa pode ver o mar e a entrada ao Concello mudou completamente.
Estas obras foron incluidas nos Presupostos Xerais do Estado do ano 2008, grazas ao traballo do BNG no Congreso dos Deputados.
