Actualidade do BNG de Moaña Neste espazo poderás seguir as novidades, calendario de actividades e actualidade en xeral que se produzan no entorno do BNG de Moaña

Arquivo de Abril de 2009

O Partido Popular segue a boicotear as obras que leva a cabo o Goberno Municipal

Xoves, 30 de Abril de 2009

Hoxe podemos ver nos medios de comunicación como sae un suposto colectivo de afectados polas obras de acondicionamento do recheo de Domaio, unha obra que leva sendo demandada polos veciños e colectivos sociais de Domaio dende hai moitos anos e que o Goberno Municipal conqueriu que se escomezara por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, en base a un proxecto moi participativo, producto do consenso entre os diferentes colectivos e persoas da Parroquia de Domaio, para o cal se celebraron diferentes asembleas e reunións.

Agora vemos como persoas que xa estiveron co Sr. Fervenza nas mobilizacións do catastro, ¿casualidade? , saen reclamando entradas ás súas propiedades por donde antes era mar.

Unha vez máis o PP e o Sr. Fervenza move os seus peóns para boicotear e impedir  que se leven a cabo as obras de mellora no noso concello.

O recheo de Domaio é un espazo que lle foi gañado ao mar, e polo tanto é un espazo totalmente público. Todas as propiedade teñen os seus accesos pola estrada PO-551 e os accesos dende o recheo foron usurpados nos últimos anos ao patrimonio público, sendo utilizados sen nengunha autorización.

O BNG seguirá firme na defensa do espazo público gañado ao mar para uso e desfrute de todos e todas e non para ser utilizado en beneficio de intereses privados.

A maior inversión en obra pública da historia de Moaña

Luns, 27 de Abril de 2009
moaña dende o Caeiro

Moaña dende o Caeiro

 

 

 

 

 

 

 

 

Estamos a vivir nestes tempos a maior inversión en obra pública na historia do Concello de Moaña, estan en execución as seguintes obras:

*Dotación de agua potable aos núcleos de Broullón, Paradela e demais barrios altos do Concello.

* Rexeneración do paseo Maritimo da Xunqueira

*Humanización das rúas do Real

*Construcción do estadio Municipal de fútbol no Casal

*Acondicionamento do Recheo de Domaio 1ª Fase

*Acondicionamento da rúa Daniel Castelao

*Acondicionamento da rúa Rosalia Castro

* Ampliacion do peirao da Mosqueira

*Alumeado camiño entre Berducedo e Couso

*Urbanización da baixada á Guía

*Rehabilitación do Centro Cultural Rosalia Castro, en Domaio

* Rehabilitación da Casa Pazó para gardería municipal

* Urbanización da rúa das Barxas

*Ensache e beirarúas na estrada provincial de Berducedo, en Sixalde

O Consello Nacinal do BNG aproba cun 92,5% de apoios a lista ás europeas encabezada por Ana Miranda

Luns, 27 de Abril de 2009

ana_mirandaMontouto (Teo), 25 Abril 09. O portavoz nacional do BNG en funcións, Anxo Quintana, anunciou hoxe en rolda de prensa o apoio do 92,5% dos membros do Consello Nacional á candidatura que vai presentar o BNG ás eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. Sinalou que o acordo para a rotación de escanos asinado polo BNG no marco da colición “Europa dos pobos” implica que os escanos que a coalición acade sexan ocupados polas distintas forzas políticas en función dos votos que cada partido obteña na súa circunscrición electoral, o que garantiría a presenza do BNG en Bruxelas.

Quintana cualificou aos integrantes da lista como “compañeiros e compañeiras de sobrada experiencia e avalados polas asembleas comarcais”. En concreto, forman parte da lista, ademais de Miranda, as seguintes persoas: Alberte Souto, Encarna Otero, Iolanda Veloso, Cosme Pombo, Margarida Vázquez Veras, Iván Area Carracedo, Helena Veiguela e Xavier Vence.

Destacou tamén que o acordo permite que “a representación do BNG quede asegurada e será tanto máis grande segundo o número de votos que o BNG saque en Galiza”, dixo. “Ademais, o BNG, dacordo coas normas das eleccións europeas, poderá presentarse en Galiza coa súa candidatura e as súas propias siglas”, precisou

Un programa en defensa da Europa dos pobos e das clases populares

“O BNG pretende que no proceso de construción europea a voz galega estea presente, e se faga atendendo á plurinacionalidade e á pluriculturalidade dos estados da unión”, afirmou. Segundo, Quintana, o BNG defenderá “esa Europa dos pobos que é o lema da nosa coalición”.

“Ademais, o noso programa ten en conta que estamos nun momento difícil para as clases populares de Galiza e para as clases populares do conxunto de Europa”, asegurou Quintana, para quen “é precisa unha voz forte que reclame a defensa dos servizos públicos e tamén que a crise non a sufran os máis débile”.

Asemblea Extraordinaria

Quintana informou tamén de que para o Consello Nacional “a Asemblea Nacional Extraordinaria está a ser xa un éxito”. Destacou que a militancia “está a dar un exemplo de compromiso co país”, como desmostra a ampla participación de case 5000 militantes no debate dos relatorios e na elección de delegados e delegadas para esta Asemblea.

“Todas as propostas do BNG teñen un nexo común, buscar o mellor para a organización e como portavoz en funcións quero agradecer a todos os militantes a súa participación”, afirmou Quintana.

O Consello dá por válido o acordo da Executiva acerca do eurodeputado de Galeuscat

A preguntas dos xornalistas, Quintana informou tamén de que o máximo órgano do BNG daba por válido o acordo da executiva en funcións sobre o escano vacante da coalición Galeuscat, que correspondería por número a Camilo Nogueira, mais pertence a Convergència Democrática de Catalunya en función do acordo asinado no seu día. Este acordo recollía que calquera baixa do representante dun partido sería ocupada por outro representante da mesma forza política, renunciando á acta as persoas que lle preceden na lista.

“O BNG é unha forza política seria que cumpre os acordos que asina, aínda que desexasemos que fosen outros”, precisou Quintana.

As asembleas comarcais para a escolla de representantes rexistran unha participación sen precedentes

Luns, 27 de Abril de 2009
Asemblea do BNG no Morrazo / foto publicada no Faro de Vigo (20/04/09) edición do Morrazo

Asemblea do BNG no Morrazo / foto publicada no Faro de Vigo (20/04/09) edición do Morrazo

Arredor de 5.000 afiliados e afiliadas do BNG tomaron parte nas asembleas comarcais celebradas o pasado sábado en todo o país, o que constitúe unha participación masiva e sen precedentes na historia da formación nacionalista.

Esta mobilización da militancia nacionalista converte desde xa esta Asemblea Nacional na máis participativa da historia do Bloque Nacionalista Galego, un evidente sinal da vitalidade do nacionalismo galego e da súa decisión de enfrentar con vigor os retos do presente e do futuro.

As asembleas comarcais elexeron os 2.500 delegados e delegadas que tomarán parte na Asemblea e debateron as emendas ao Documento Político e ao Regulamento que rexerá o encontro nacional dos militantes que conforman o Bloque Nacionalista Galego.

O debate das emendas foi moi vivo e enriquecedor e puxo de manifesto o interese da militancia nacionalista por achegar as súas propostas e reflexións tanto ao Documento Político como ao Regulamento.

Asemade, as asembleas comarcais submeteron a debate e votación a candidatura ao Parlamento europeu proposta pola Executiva Nacional en funcións.

O apoio das asembleas comarcais á proposta da Executiva foi masivo, ao superarse o 92 por cento de votos favorábeis á lista que encabezará Ana Miranda, especialista en dereito comunitario que foi xa asistente de Camilo Nogueira; e que terá como número dous a Alberte Souto, ex secretario xeral da Consellaría de Medio Rural e avogado de profesión.

www.bngmoana.org BNG Bloque Nacionalista Galego en Moaña se precia de funcionar con WordPress . Tradución de egalego.com
Entradas (RSS) e Comentarios (RSS).