100 compromisos con Moaña
Baixar programa completo en PDF

Moaña é un proxecto en marcha. As importantes transformacións iniciadas no período 2003-2007 deben ter continuidade cun goberno formado por persoas identificadas con Moaña que demostran xa nos distintos colectivos sociais en que participan a súa entrega desinteresada e a súa capacidade de traballo.

Os catro anos que veñen terán unha importancia fundamental para definir o futuro do noso Concello. O Bloque Nacionalista Galego xestionará ese futuro en beneficio de todos os moañeses. A Moaña en que pensamos todos e todas será a do diálogo e a convivencia; da participación social e do consenso; do crecemento sostible e do respecto ao medioambiente; da cohesión social e da atención aos máis necesitados; dos servizos públicos universais e do dereito ao traballo e á vivenda; do apoio á mocidade para axudala a crecer e ás persoas maiores para que encontren a recompensa a toda unha vida de esforzo.

O programa de goberno do Bloque Nacionalista Galego é un compromiso cunha Moaña orgullosa do seu, que conserva os seus sinais de identidade como pobo e aspira a un futuro de progreso, benestar e calidade de vida.

PARTICIPACIÓN VECIÑAL E ATENCIÓN AOS CIDADÁNS

1. Creación dun Departamento de Participación Veciñal, dotado de persoal e medios para dinamizar a información aos cidadáns e aos colectivos sociais.

2. Consolidar os Consellos Parroquiais para convertelos en órganos de debate e control territorial das decisións municipais, incentivando a súa participación na elaboración dos orzamentos municipais e nos planos de obras e actividades.

3. Mellorar e ampliar a sinaléctica do concello e do resto do termo municipal  -indicativos de rúas, parroquias, aldeas e lugares, edificios públicos, paneis de información xeral, etc. e proceder á renumeración de todas as vivendas do Concello.

4. Elaborar e difundir “cartas de servizos” para o público coñecemento do funcionamento dos servizos municipais e dos dereitos que amparan aos cidadáns ante a administración local.

5. Avanzar na implantación da administración electrónica, ampliando o número de procedementos que poidan tramitarse vía internet.

PROMOCIÓN ECONÓMICA

6. Posta en marcha do Plano Estratéxico de Desenvolvemento municipal elaborado no pasado mandato, tomándoo como guía das actuacións do Concello en materia de promoción económica.

7. Potenciación do Padroado “Beiramar” reforzando o seu papel na formación profesional e ampliando as súas actividades de asesoramento e formación empresarial.

8. Creación dun Viveiro de Empresas asociado ao Padroado Beiramar e como continuación das actividades ocupacionais, que promova a formación de novas empresas, especialmente nas modalidades de autoemprego e xestión cooperativa.

9. Dotar a Moaña de solo industrial e empresarial, mediante a aplicación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e co apoio económico das Administracións públicas.

10. Creación dun Padroado Municipal de Turismo como órgano coordenador de todas as iniciativas de promoción do turismo, ocupación do ocio e posta en valor dos recursos patrimoniais e ambientais do noso Concello.

11. Promover a implantación dunha Área Comercial Aberta na Praia-Seara.

URBANISMO, VIVENDA E INFRAESTRUTURAS

12. Xestionar a aprobación definitva por parte da Xunta de Galicia do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

13. Desenvolver de forma inmediata tras a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal por iniciativa municipal e polo sistema de expropiación a Unidade de Actuación de Sixalde, de cara a conseguir os terreos para o novo Centro de Saúde, solo residencial para a construción de 50 vivendas de promoción pública e 3.000 metros de zona verde na ribeira do Río da Fraga.

14. Priorizar o desenvolvemento inmediato dos Plans Especiais previstos polo PXOM en solo urbano non consolidado, de cara a mellorar a trama urbana do Concello e conseguir solo público e dotacional, tomando a iniciativa cando os axentes privados incumplan as súas obrigas de redacción do planeamento de desenvolvemento.

15. Continuar cos proxectos de reforma e reurbanización do casco urbano, desenvolvendo nos próximos tres anos un proxecto de reforma integral do barrio do Real, renovando as rúas e creando espazos públicos.

16. Promover nos próximos catro anos a construción, de acordo cos Consellería de Vivenda e Solo, de 200 vivendas de promoción pública e protección autonómica.

17. Crear un parque municipal de vivenda de aluguer, destinado especialmente á mocidade.

18. Xestionar diante da Xunta a construción do vial de Meira-Quintela como variante da PO-551 e como eixe vertebrador da rede local do agregado urbano Moaña-Meira, permitindo a desconxestión e humanización da rúa Ramón Cabanillas.

19. Executar o novo acceso ao barrio da Guía e zona industrial do Cocho, e unha rotonda de enlace coa PO-551.

20. Reclamar da Xunta de Galicia a mellora da rede de estradas autonómicas, en especial no referido á seguridade vial.

21.- Xestionar convenios coa Deputación Provincial para a mellora e urbanización dos viais provinciais (Porta do Cego-Coiro, As Barxas-Berducedo, San Benito-Liñares).

MEDIO AMBIENTE

22. Creación do Consello Municipal de Medio Ambiente coa participación dos colectivos e axentes sociais interesados.

23. Ampliación da rede municipal de subministro de augas aos barrios da Xalde, Os Piñeiros, A Marrúa, A Paradela, Broullón e A Fraga.

24. Continuar a extensión da rede de saneamento até alcanzar o 100% das vivendas do Concello: saneamento de San Lourenzo, Carballido, Viduído, O Fontán, O Casal, A Marrúa, Broullón, etc.

25. Programar un plano de investimentos que permita a instalación de redes separativas de augas pluviais e fecais, así como a dotación na depuradora municipal dun tanque de tormentas que permita optimizar o funcionamento da rede de depuración e os vertidos ao mar.

26. Instalación dun punto limpo para uso exclusivos dos veciños e veciñas de Moaña, coordenado cunha rede de illas de recollida selectiva nas parroquias.

27. Pór en marcha un programa de acondicionamento dos puntos de recollida, instalando bases e abrazadeiras para os colectores, renovando os colectores deteriorados, sinalizando a súa ubicación, etc.

28. Desenvolver un plano de contenerización subterránea e semisubterránea no casco urbano.

29. Impulsar desde a Mancomunidade de Concellos do Morrazo a aplicación dun Plano Comarcal de Residuos Sólidos Urbanos baseado na redución, reciclaxe e reutilización, así como na compostaxe da fracción orgánica.

30. Mellorar a atención aos parques públicos e zonas verdes, ampliando o seu número e acondicionándoos como espazos de ocio e convivencia.

31. Desenvolver un proxecto de reforma e acondicionamento do paseo da Praia.

32. Acondicionamento como parque e espazo de ocio dos terreos municipais do Monte do Con.

33. Continuar coas actuacións de recuperación do litoral e mellora do sistema de praias (accesos e dotacións), marcándonos como obxectivos inmediatos o mantemento da bandeira azul na praia do Con e a consecución de bandeiras azuis para os areais da Xunqueira e da Borna.

34. Xestionar o acondicionamento do aterrado de Domaio e dos espazos de servizo portuario.

35. Xestionar e impulsar a 2ª fase de rexeneración do borde marítimo de Meira desde a illa de Samertolameu ata o río da Ponte, coa conseguinte recuperación da illa.

36. Xestionar a recuperación das concesións administrativas dependentes da Dirección General de Costas e a rexeneración ambiental dos terreos recuperados.

37. Impulsar a construción dun paseo peonil entre o río da Ponte e a praia do Cocho.

38. Creación dunha área recreativa e ruta de sendeirismo do río do Gres (O Casal-A Ameixoada), así como dos ríos da Freixa e Miñouba en Domaio.

39. Potenciar o roteiro do Río da Fraga como gran ruta de sendeirismo fluvial do noso Concello.

SERVIZOS E TRÁFICO

40. Creación dun Centro Municipal de Servicios e contrución dunhas instalacións adecuadas para ubicalo.

41. Aprobación anual de Planos de Mantemento e renovación da rede viaria, de acordo cos Consellos Parroquiais, ao obxecto de manter en boas condicións de conservación a rede viaria local.

42. Garantir un niveis óptimos na limpeza viaria nos roteiros actuais para estender paulatinamente este servizo ás zonas do núcleo urbano que neste momento non o teñen (Vilela e Igrexario en Tirán, O Cruceiro en San Martiño, Berducedo, A Serval e Meira de Arriba en Meira e estrada de San Benito a Liñares en Domaio).

43. Continuar o Plano de Acondicionamento de todos os parques infantís municipais, adaptándoos á nova lexislación europea en materia de seguridade e instalar novos parques infantís na Serval, Meira de Arriba, O Con e O Casal.

44. Mellorar a mobilidade na rede viaria local mediante un programa de implantación de sentidos únicos, previos os estudios técnicos necesarios e co consenso veciñal.

45. Incrementar as zonas de aparcamento público nos barrios con maiores problemas de mobilidade mediante a adquisición de terreos destinados a tal fin.

46. Incrementar as zonas de aparcamento no núcleo urbano, xestionando a creación de aparcamentos subterráneos no Parque do Concello e na finca de García Arenal (O Con), e a consecución de novas áreas de aparcamento no cuartel vello, na Mosqueira e mediante a reforma dos xardíns da Praia.

47. Implantar o aparcamento regulado polo sistema de “zona azul” nos arredores da Praza de Abastos, extendéndoo paulatinamente á rúa Concepción Arenal e Ramón Cabanillas.

POLÍTICAS PARA A IGUALDADE E O BENESTAR

48. Potenciar o departamento de Igualdade e Servizos Sociais, dotándoo de máis persoal para a xestión de novos programas.

49. Creación de servizos de atención descentralizada nas parroquias, utilizando a rede de Centros Socio culturais.

50. Creación do Consello Municipal de Igualdade como incentivo á participación social na elaboración e desenvolvemento dos programas de inclusión e benestar e elaboración dun Plano Xeral de Igualdade de Oportunidades e Benestar Social.

51. Elaboración dun Plano de Accesibilidade do Medio Urbano con actuacións de reforma urbana que fagan efectiva a Lei de Accesibilidade de Galiza no noso Concello.

52. Colaborar coa Xunta de Galicia para a posta en marcha dun sistema de transporte adaptado para persoas dependentes.

53. Creación dun Centro de Día público.

54. Promover os programas de teleasistencia e atención domiciliaria ás persoas dependentes, ata duplicar o número de beneficiarios e pór en marcha un programa de “xantar na casa” para atención ás persoas dependentes.

55. Restauración da Reitoral de San Martiño para destinala a usos sociais e asistenciais.

56. Construción dun Centro de Persoas Maiores en Meira.

57. Mellorar as instalacións e prestacións dos centros de persoas maiores, dotándoos de medios informáticos e audiovisuais, material lúdico-recreativo, etc.

58. Potenciar as actividades do Centro de Información ás Mulleres (C.I.M.), facendo chegar os seus servizos a todas as posibles beneficiarias.

59. Establecer, dentro do Plano de Benestar Social, un Plano Específico para a Igualdade de Xéneros con medidas concretas que inclúan todas as áreas de goberno, co obxectivo de promover a incorporación das mulleres á vida laboral e potenciar a súa participación pública, nun plano de igualdade real cos homes.

60. Dotar ás asociacións de mulleres dos recursos humanos, materiais e financeiros necesarios para o desenvolvemento das súas actividades e crear un Servizo de Axuda Familiar (“canguros”) destinado á atención non continuada das persoas con fillos, anciáns, discapacitados e enfermos ao cargo, para permitir a súa participación en actividades de formación, sociais ou de ocio.

61. Construción da primeira gardería municipal, a instalar na Casa Pazó (Quintela) e programar a construción dunha segunda gardería municipal para atender as parroquias de Domaio e Meira.

62. Posta en marcha e potenciación da Ludoteca Municipal recén construída, como un punto de atención á infancia que permita ás mulleres gañar autonomía e posibilidades de ocio e tempo libre.

63. Incrementar as accións para combater a violencia de xénero e os maos tratos no medio familiar, garantindo información e apoio legal ás mulleres obxecto de abandono, maos tratos ou discriminación laboral.

SANIDADE E ENSINO

64. Defensa da sanidade pública como dereito básico e universal da poboación; reclamar a mellora das súas instalacións e medios técnicos e humanos. Reclamar o aumento e optimización dos recursos económicos dedicados ao servicios sanitarios para conseguir a mellora nas súas prestacións e a reducción das listas de espera.

65. Pór a disposición do SERGAS os terreos necesarios para a construción dun Centro de Saúde en Moaña a ubicar nos terreos municipais de Sixalde e xestionar a súa execución.

66. Reclamar a ampliación dos servizos sanitarios que se prestan na localidade, incluíndo no novo Centro de Saúde os servizos de radioloxía, fisioterapia e rehabilitación, xinecoloxía, odontoloxía, etc.

67. Apoiar o ensino público e promover a escolarización na rede pública como garantía para todos os cidadáns do dereito á educación, de igualdade de oportunidades, formación laica e democrática e transmisión dos sinais de identidade que nos definen como país.

68. Aportar os terreos necesarios para a ampliación do I.E.S. A Paralaia, esixindo da Consellería de Educación a mellora das súas instalacións e a ampliación da súa oferta formativa.

69. Manter e incrementar o apoio aos comedores escolares xestionados polas ANPAs, mediante a aplicación de axudas e a aportación de persoal, en tanto non se integren no sistema de comedores escolares xestionado pola Consellería de Educación.

70. Incrementar o apoio ás actividades extraescolares, mediante axudas económicas e aportación de monitores, promovendo a racionalización de ofertas e a extensión a todos os alumnos/as.

71. Reclamar da Xunta de Galicia a ampliación do servizo de transporte escolar gratuíto ao alumnado de ensino secundario non obrigatorio.

72. Creación dunha brigada específica dedicada ao mantemento dos centros de ensino.

CULTURA

73. Constitución do Consello Municipal de Cultura, coa participación das asociacións culturais, técnicos e creadores, para que sirva como órgano de debate, coordenación e orientación da actividade cultural a nivel municipal.

74. Construción no prazo de dous anos do Centro Socio-cultural de Meira-Auditorio Municipal.

75. Remate das obras de acondicionamento do  Centro Cultural Rosalía de Castro de Domaio.

76. Execución dunha segunda fase das obras de reforma do Centro Cultural Daniel Castelao, para a súa rehabilitación interior e acondiciomaento do seu contorno.

77. Dotar de locais propios o Centro Cultural do Real.

78. Dotar os barrios de Sabaceda, A Xalde e Os Piñeiros dun Centro Socio-cultural acorde coas súas necesidades.

79. Impulsar a creación dunha rede museística municipal fundada nos seguintes elementos:

-Museo etnográfico ao aire libre sobre a cultura da muíño e da auga, a ubicar no roteiro do río da Fraga.

-Aula da Natureza do Río da Fraga e Enseada de Moaña, a ubicar no comezo do roteiro do río da Fraga.

-Museo etnográfico e da cultura tradicional e Centro de Estudos da Cultura Tradicional.

-Museo da carpintería de ribeira.

80. Dotar dun local estable a Escola Municipal de Música, nas instalacións complementarias do Auditorio Municipal, ampliar o seu cadro de profesorado e estabilizar as súas actividades.

81. Dotar a Biblioteca Municipal dunha nova sede no centro urbano, preferentemente no Pazo do Real.

82. Creación dunha Escola Municipal de Teatro e Artes Escénicas.

83. Protección e posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico: creación do Roteiro Arqueolóxico dos Montes de Meira, promover o estudo e valoración do Castro de Montealegre, potenciar a conservación e rehabilitación dos conxuntos do Igrexario de Tirán e San Martiño de Moaña.

DEPORTE

84. Multiplicar por catro nos vindeiros catro anos as cantidades destinadas a subvencións a clubes deportivos.

85. Construción do novo Campo de Fútbol Municipal e Área Recreativa do Casal como centro de ocio e práctica deportiva de todos os moañeses.

86. Xestionar a construción dunha pista de adestramento para a práctica do atletismo e dun circuito de adestramento controlado para a práctica do cross e o deporte non federado.

87. Acondicionamento dos campos de fútbol-7, dotándoos de superficie de herba artificial.

88. Ampliar os usos e prestacións do Complexo Deportivo do Beque, diversificando as súas posibilidades de práctica deportiva e popularizando a súa utilización.

89. Emprender un Plano de Acondicionamento dos pavillóns polideportivos municipais para adecualos ás necesidades e esixencias actuais.

MOCIDADE

90. Constitución do Consello da Mocidade de Moaña.

91. Fomentar o funcionamento da Casa da Mocidade Moaña como centro de actividades e punto de encontro para todos os mozos e mozas do noso Concello.

92. Crear un Local de Ensaio integrado na Rede Galega de Locais de Ensaio impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude.

93. Impulsar o asociacionismo entre os mozos e mozas, promovendo a actividade coordenada das persoas con afeccións afíns (música, imaxe, informática, cómic, xogos de rol, actividades de ocio, etc.).

94. Consolidar unha programación estable de actividades dirixida e protagonizada polos máis novos (“Moaña Sonora”, sesións de grafitti, mostras artísticas, campionatos deportivos, campamentos, xornadas de ocio, etc.).

95. Dotación de bolsas de axuda a artistas, deportistas ou profesionais novos para o perfeccionamento dos seus talentos, intercambio de experiencias, proxectos de creación, competicións, etc.

96. Fomentar o autoemprego entre os mozos e mozas mediante a constitución de I.L.E.s ou outros modelos de empresa de economía social.

97. Impulsar a coordenación entre o Padroado Beiramar e os gabinetes de orientación dos centros educativos para o establecementos de estratexias ocupacionais.

98. Facilitar o acceso á vivenda dos máis novos, mediante unha política de vivenda social e vivenda protexida especialmente dirixida á mocidade.

99. Colaboración, divulgación e promoción das iniciativas da rede “Quérote” (Centro de Asesoramento Afectivo-sexual para a Mocidade), impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

100. Impulsar a creación dunha rede de voluntariado xuvenil.