Actualidade do BNG de Moaña Neste espazo poderás seguir as novidades, calendario de actividades e actualidade en xeral que se produzan no entorno do BNG de Moaña

125 camelia para Moaña. Artigo de María Pilar García Negro en Xornal (04/05/2010)

6 de Maio de 2010

2010050319571684169Foi en Moaña, no derradeiro día de Abril. A Comisión Comarcal das Mulleres do BNG, con Modesta Rioboo ao frente, organizou un acto de homenaxe á escritora inaugural da literatura galega que titularon “125 camelias para Rosalía de Castro”, no ano en que se cumpren 125 do seu falecemento. Chama a atención que a cultura “oficial” (se é que cabe chamar a algo así) ou, ao menos, a que pagamos todas e todos, omite calquer celebración ou recordación que permita sentar o seguinte: somos un povo; temos historia colectiva; ela, esta historia, é específica e non apendicular do planeta español; conta con elementos de forte significación material e simbólica, marcantes de modernidade, moito máis avanzados dos que á forza se nos impuxeron como mestres de progreso e de innovación. Afortunadamente, contamos cunha “outra” cultura, como evidencia este acto de Moaña que estou a gabar. Foi espléndido por varias razóns. En primeiro lugar, por non se limitar a unha conmemoración ritual ou “burocrática”, senón por implicar actores moi diversos. En segundo lugar, por concitar e manter a atención do público que ateigou o Centro Sociocultural “Daniel Castelao” durante dúas horas longas. En fin, porque demostrou con feitos que todas as artes son amigas, como querían os clásicos, e, destarte, houbo música, poesía, discurso, arte floral, imaxes…

Laura Almuíña compuxo magníficos centros de camelias que decoraron o escenario e eran mostra vizosa das duascentas variedades desta fror que cultiva na súa plantación. Xavier Blanco descobriunos a maxia dunhas músicas executadas con instrumentos ancestrais, tan vellos como os traballos a eles vinculados, no campo e no mar; por certo, fusión perfeita para unha poesía como a de Rosalía que eleva o popular á categoría de arte superior e merecente dunha épica dignificada. O grupo Donairare agasallounos con pezas tradicionais da mellor factura. Antía e Sara Pérez Davila, intérpretes de violino, executaron perfeitamente temas coñecidos da tradición musical galega, varios deles baseados en poemas rosalianos. Poemas da autora foron recitados nas voces de Antía Cal; Asunción Sóñora; Xosé Mª Álvarez Cáccamo; Asunción Estévez; Héitor Mera; Ana Blanco Cancelas; Rubén Aramburu; Rosa Estévez; X. Daniel Costas; Cristina González Piñeiro; Iria Aboi; Asunción Veloso; Marica Campo; unha servidora. Fago citación completa para que se comprobe a variedade de dedicacións, idades e profisións. Rendo homenaxe aquí á forza e entusiasmo de Antía Cal, con 87 lúcidos anos, a nos animar a todas e a todos a proseguir neste camiño de coñecemento e de autoestima colectiva, camiño que ela iniciara xunto a seu home, Antón Beiras, grazas a quen tivo a obra completa da escritora. En tal atmosfera, figúrense a honra que para min supuxo falar a todos os presentes da potencia e transcendencia da obra rosaliana, mesmo que, por mor da necesaria síntese, fose a golpe de “pinturas” de groso trazo…

Parabéns ás organizadoras, benia a todos os asistentes!


125 Camelias para Rosalía

28 de Abril de 2010

125-camelias-invitacion


O Presidente Feijoo NON SE COMPROMETE CO MORRAZO

28 de Abril de 2010
fervenza-00011
Isto é o que dicia o sr. Fervenza fai un ano, concretamente o 10 de xaneiro de 2009.
¿Por qué agora o PP lle pide aos concellos que aporten o 20% do plano de transporte marítimo?
Según o razonamento do Sr. Fervenza :   O Presidente Feijoo NON SE COMPROMETE CO MORRAZO

Pregunta no parlamento do estado español sobre a mellora ambiental da enseada de Meira

16 de Abril de 2010
Enseada de Meira

Enseada de Meira

Mª Olaia Fernández Davila, Deputada do Grupo Parlamentario Mixto (BNG), ao amparo do disposto no artigo 185 do Reglamento da Cámara, apresenta a seguinte pregunta para a que solicita resposta por escrito relativa ao grao de execución da partida incluida nos orzamentos xerais do Estado de 2010 a mellora ambiental da enseada de Meira, en Moaña (Pontevedra)

Os orzamentos xerais do estado de 2010, inclúen, grazas a unha emenda, unha partida do Ministerio de Medio Ambente, Meio Rural e Mariño de 500.000 euros para a mellora ambiental da enseada de Meira, en Moaña. O proxecto xa estaba contemplado nos orzamentos xerais do estado para 2009, fruto dunha emenda apresentada conxuntamente polo BNG eo PSOE durante o proceso de tramitación de ditos orzamentos, pero non obstante non foi executada.

Cal é o grao de execución desta partida a día de hoxe?

Ten previsto o governo executar dita partida íntegramente no 2010?

No caso contrario, por qué motivo?

08 de Abril de 2010


RECURSO CONTENCIOSO POLAS PROPIEDADES AFECTADAS POLA LEI DE COSTAS

29 de Marzo de 2010

Conven nestas alturas poñer as cousas claras, pois non sabemos a que se está a xogar por parte dalgúns persoeiros.

Neste Contencioso que se está a tramitar ante a Audiencia nacional, O Concello de Moaña, con cartos de todos os veciños de e veciñas de Moaña,  leva gastado máis de 35.000 euros para defender as propiedades destes veciños que o Ministerio de Medioambiente, tanto agora como durante 8 anos co goberno do Sr. Aznar pretende usurparlle. Canto levan gastado os afectados ?…..  NADA

Por qué a Asociación de Afectados non se personou no Contencioso contra a Resolución da Dirección Xeral de Costas que os deixa sen as súas propiedades?,  Será para non ter que gastar os cartos?  Ten que ser con cartos dos moeñeses e moañesas cos que se defendan?

No contencioso, e eso deben sabelo todos os afectados, o Concello é  o DEMANDANTE, a Dirección Xeral de Costas é a parte DEMANDADA, por qué entonces a Asociación de Afectados aparece como CO-DEMANDADA?

A respecto do Sr. Fervenza, que se apunta a calquera bombardeo con tal de atacar ao Goberno do Concello, dende o BNG queremos dicir o seguinte:

O BNG considera un insulto á intelixencia, que o Sr. Fervenza, en representación dos “Populares”,  saia agora sen nengún rubor, a dicir nada a respecto do que estan a sofrir os veciños e veciñas afectados, pois dende o ano 2.000 até o 2004, o seu partido gobernaba en Moaña, en Santiago e en Madrid e non fixeron ABSOLUTAMENTE NADA por solucionar este problema, cando llo prometeran aos afectados.

Por qué non presenta  agora o Sr. Fervenza no Parlamento Galego unha Proposta de Resolución igual que fixo fai ano e medio para que a Xunta do Sr. Feijoo arranxe o problema dos afectados pola Lei de Costas?, será que agora xa non lle interesa ou non lle deixan no seu partido?, foi cicais  unha pose máis con fedor electoreiro ao que nos ten tan habituados.


MANIFESTO A PROL DO NOVO HOSPITAL PÚBLICO DE VIGO

22 de Marzo de 2010

manifestacion25marzo A atención hospitalaria para os máis de 600.000 habitantes que viven na Área Sanitaria de Vigo comezou a ser deficitaria nos anos 80 cando, coa inauguración do Hospital do Meixoeiro, constatouse que este xa era insuficiente para atender a toda a poboación que non podía ser atendida no Hospital Xeral.

Dende entón os partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais e colectivos integrados na Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública iniciamos a demanda dun Novo Gran Hospital para a Área Sanitaria de Vigo, que rematase coa dispersión da atención en catro centros (un deles privado) con recursos insuficientes e que non daban resposta ás necesidades da poboación dunha das zonas máis puxantes tanto social como economicamente de toda Galiza.

Despois de moitos avatares o anterior goberno da Xunta de Galiza deu os pasos necesarios para dar satisfacción a esa demanda de toda a cidadanía e asumiu a construcción do Novo Hospital, realizándose o proxecto arquitectónico e consensuando con todos os colectivos e profesionais un plan funcional para a posta en marcha do Novo Gran Hospital.

Esta nova infraestructura sanitaria ía contar con 1.465 camas, o que permitía atender a toda a poboación da área, incorporaba recursos de alta tecnoloxía sanitaria como centro investigador e ía a ser centro de referencia para patoloxías como o cancro. Este hospital evidentemente era público e os cartos para o seu financiamento estaban na Sociedade Publica de Investimentos (SPI).

Fálase de financiamento e xestións privadas, de reducción de camas, de modelo multihospital, de varias portas de urxencias, de manter concerto singular con POVISA, pero en ningún momento se fala de Hospital de referencia, con altas prestacións, onde sexa atendida toda a poboación da Área Sanitaria de Vigo.

A fórmula de financiamento privado supón unha hipoteca que vai lastrar a capacidade de novos investimentos nos vindeiros anos e por en mans do capital privado a nosa saúde.

Desde O Morrazo, como unha das zonas afectadas por esta situación, máis aínda cando o noso hospital de referencia é privado, instamos á Xunta de Galiza que a financiación do novo Hospital de Vigo sexa totalmente pública. Ademais, o número de camas debe manterse no previsto polo anterior goberno, para atender a toda a poboación da Área Sanitaria de Vigo.

Este novo Hospital debe estar dotado de todos os servizos, mantendo o seu caracter estratéxico e a dotación prevista para a unidade de investigación. Ademais, debe configurarse como hospital oncolóxico de referencia para todo o sur de Galiza.

Deste xeito, queremos manifestar o noso apoio a todas as accións que está a desenvolver a plataforma para a defensa da sanidade pública e fai un chamado especial a participación na manifestación do 25 de marzo, as 20,00 horas dende o cruce da Vía do Norte, en Vigo.

Moaña, 22 de marzo de 2010.

BNG MOAÑA


¿TEREMOS FISIOTERAPIA EN MOAÑA?

10 de Marzo de 2010

A loita pola mellora sanitaria en Moaña tomou pulo ala polo 1999 da man do BNG. Unha loita con obxectivos concretos: unha piscina municipal, un centro de saúde e, con carácter inmediato, dotar a Casa do Mar duns servizos mínimos en tanto aquel non sexa realidade.

A piscina municipal, os terreos para o centro de saúde, a ambulancia medicalizada, o ascensor  ou a supresión de barreiras arquitectónicas na Casa do Mar e, nos últimos tempos,  a dotación dun servizo de fisioterapia e odontoloxía cos seus orzamentos, asignación de persoal e posta a disposición do Sergas do local esixido  para empezar a funcionar xa. Todo este resultado é froito dun traballo constante e cheo de complicacións e dificultades.

O 4 de abril do 2009, no pleno extraordinario sobre sanidade houbo un acordo unánime de todos os grupos políticos, PP e PSOE,  con dous compromisos concretos :

- O Concello porá a disposición do Sergas un local para fisioterapia e odontoloxía.

- O Concello xestionará o uso sanitario dos locais da Casa do Mar.

Como dicíamos, dende aquela o Concello púxose a traballar na procura destes dous obxectivos.  Froito dese traballo empezouse a tramitar un proceso que deu como froito a consecución dos locais para fisioterapia e odontoloxía na rúa Don Donato.

A falla de poucos meses para a posta en marcha destes locais un novo anuncio semella retrasar todo de novo. O responsable do Sergas acaba de “suxerir” ao Concello de Moaña que deixe sen efecto a sinatura do contrato de alugamento dos locais da rúa Don Donato que ían acoller as consultas de Fisioterapia e Odontoloxía. As xestións do PP ante a Consellería abren “unha nova alternativa” cuxos trámites se poñen en marcha: a prestación destes servizos na Casa do Mar.

De principio, nada teríamos que obxectar: aforro de alugamentos, concentración de servizos, pero…

Porque esperaron tanto? Porque non empezaron os trámites fai un ano? Danse conta que isto pode supor, na práctica un retraso de mais dun ano para a posta en marcha destes dous novos servizos? Por aforrar cartos ó Concello de Moaña? Non. O Sr. Fervenza o que persegue é unha foto máis pensando no 2011, por puro oportunismo, contando con apuntarse un tanto fora de tempo, nun partido xa xogado duramente por outros e pondo en perigo un servizo tan necesario e demandado que pode estar funcionando en cuestión de poucos  meses.

Por tanto pregámoslle o Sr. Fervenza que, se quere facer un favor os moañeses e moañesas, cumpra cos acordos aos que se comprometeu fai un ano, co seu partido xa na Xunta; acordos, respaldados pola Plataforma da Sanidade, que entendía que o déficit asistencial abrangue tamén a cirurxía menor, as citoloxías, a matrona, ao pediatra, a instalación de aparatos de banda ancha sen instalar por falla de espazo, e que estes servizos poderían prestarse nas zoas INFRAUTILIZADAS da Casa do Mar, sen esquecer os fins de carácter social non sanitarios para os que foi creada esta instalación e que  tamén teñen un importante número de  usuarios.

O PSOE  de Victor Pastoriza  sufre o síndrome dos partidos que despois de ter nas súas mans a posibilidade de resolver estes problemas  durante  catro anos, e non o fixeron, agora non son que de ser valentes e apostar ó máximo para Moaña: dispoñer xa de todos os servizos sanitarios que nos merecemos onda sexa, ata que o Centro de saúde  poida ser unha realidade. Prefiren  xogar a nadar e gardar a roupa. Coma sempre.

OS DOUS PUNTOS do acordo plenario son  perfectamente compatibles entre si, e así se votaron, e non vale vir agora coa substitución dun por outro, non nos dean un polo prezo de dous. E non esquezan que o salón de actos e a biblioteca tamén son necesarios.

Por unha vez, sumen; non resten por puro interese electoral.


CUMPRINDO COA MOCIDADE E CO DEPORTE

5 de Marzo de 2010

deporte

 

boletin 5

 

 

 

 

 

 

 

 

Novo boletín do BNG en Moaña. dende hoxe nas casa de todos os Moañeses.


O BNG defende os intereses dos usuarios de transporte de ría.

5 de Febreiro de 2010

O BNG, ven de presentar unha pregunta no parlamento galego, co fin de solucionar a problemática suscitada polos usuarios de transporte de ría. Os nosos parlamentarios fieron constar a queixa reiterada da Federación de Veciños de Moaña A Chamusca , que consideran unha falta de respecto para os usuarios/as manter pechada a estación marítima de Moaña, unha intraestructura en boas condicións, mentres hai usuarios/as que teñen que estar á chuva mentres esperan o barco.

Adxuntamos o documento: pregunta parlamentaria estación marítima moaña.pdf


A DEPUTACIÓN VOLVE QUERER ENGANAR AOS VECIÑOS DE MOAÑA

1 de Febreiro de 2010

O BNG ven de deixar co cu ao aire ao Presidente da Deputación e ao Portavoz Municipal, José Fervenza. no seu compromiso de colaboración para a instalación de herba artificial no campo de fútbol da Granxa, de Domaio, demostrando claramente que a Deputación carece de compromiso cos veciños de Moaña e o seu portavoz é incapaz de comprometer algún investimento  para o noso concello

O BNG levou ao Pleno da Deputación unha moción onde se adquiriu o compromiso de remitirlle ao concello de Moaña o convenio de colaboración para a instalación da herba artificial, no campo do Domaio, coa intención de transformar os compromisos teóricos “CONVENIO FIRMADO DE PALABRA”, que defendía o Sr Fervenza, en CONVENIOS ADMINISTRATIVOS, claros, transparentes e precisos.

Dous meses despois do compromiso adquirido o convenio non deu chegado e o concello de Moaña ante a premura de cerrar as proposta do segundo Plan E, trasladoulle o compromiso de asumir a totalidade da obra ao Domaio, C.F. mentres a Deputación seguía aducindo novamente escusas peregrinas: “antes hai que retranquear a grada, antes hai que facer os vestiarios, antes hai que facer o aparcamento, antes…”

O proxecto de mellora das instalacións do Domaio: céspede, retranqueo da grada, vestiarios… ascende a 550.000 euros, mentres que o convenio tipo que está a firmar a Deputación con diferentes concellos e clubs da provincia para a instalación de herba artificial alcanza aos 500.000 euros. A maiores do convenio tipo, a Deputación amplía os convenios con criterios claramente partidistas, e non ten reparo en realizar todo tipo de obras complementarias

CAMPO DE FUTBOL

IMPORTE

DEPUTACIÓN

CONCELLO

OBRAS COMPLEMENTATIAS REALIZADAS POLA DEPUTACIÓN

A Veigadiña

(MOS)convenio de veigadana

698.678,48 €

200.000 €

498.678,48 €

200.000 €

124.000 €

Herba artificial e equipamentos

Vestiarios e bancadas

Rabelo

(A LAMA)convenio_racelo_a_lama

498.678,48 €

374.678,48 €

124.000 €

Convenio tipo

Augas Férreas

( A CAÑIZA)

600.000 €

500.000 €

100.000 €

Drenaxe do campo, canaletas, pavimentación acesos, canóns de auga…

A Chanciña (CAMPOLAMEIRO)compañeiro de campolameiro

498.678,48 €

374.678,48 €

124.000 €

Convenio tipo

As Cháns (VILANOVA)

724.000 €

600.000 €

124.000 €

Campo, Grada 300 espectadores

Vilalonga (SANXENXO)

1.325.000 €

525.000

800.000 €

Construción campo fútbol, acesos, gradas, canalizacións…

 

Quedando demostrado que mentres a algúns nos pide a “gloria”, a santa institución  da Deputación non ten reparo en realizar obras de: vestiarios, bancadas, movementos de terras, canalizacións, aparcamentos…En ningún convenio se especifica cales son as obras complementarias, salvo nos concellos doutra cor política que nunca dan satisfeito as condicións que dí o señor Louzán, que debe reunir un campo regulamentario.

Unha vez máis o señor Louzán cree que a institución que preside é unha sucursal do partido popular e nin os acordos plenarios respecta e si xa había históricas demandas reclamando a mellora das obsoletas estradas provinciais agora demostra a súa incapacidade por colaborar na mellora das infraestruturas deportivas, aínda que non ten vergonza en asistir a algún dos actos de inauguración: PISCINA MUNICIPAL, CAMPO DE FUTBOL DO CASAL, OS DOUS CAMPOS DE FUTBOL SETE, O CAMPO DE DOMAIO OU AS PISTAS DE ATLETISMO DA XUNQUEIRA.

O Sr Fervenza desaproveita unha nova oportunidade de contribuír a crear un metro cadrado de dotacións deportivas no noso concello e pásanlle por diante os 14 millóns de euros que o presidente ten de libre dispoñibilidade do Plan Provincial sen que sexa capaz de anunciar nin un só euro de investimento, salvo as premiadas “propostas peregrinas” de: “PROCESIÓN DO CARME” “ACORDO FIRMADO DE PALABRA”, “CLUB DE XUBILADOS NA LONXA DE MEIRA” ou “ESTACIÓN DE FENOSA NA VÍA RÁPIDA”. Como lle di o seu querido presidente “TODO UN FENÓMENO”


www.bngmoana.org BNG Bloque Nacionalista Galego en Moaña se precia de funcionar con WordPress . Tradución de egalego.com
Entradas (RSS) e Comentarios (RSS).